Quen transporta a quen? Contidos educativos e propostas curriculares.

Comparte!

por Pablo Nimo, Xaneiro 2011

aburrimientoO Proxecto Abalar está arrancando no Sistema Educativo Galego, como todos sabedes a súa estratexia é “a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia”, e aínda que a perspectiva que mellor coñezo é a parte de sistemas, redes e equipamento, xa que é na que traballo, non é esta a que máis me preocupa. Parece ademais, polo que vimos estes días na prensa, que o mesmo pasa na comunidade docente onde se cargan as tintas, xeneralizando, nos prazos de despregue, na formación e nos contidos.

O tema dos prazos imos deixalo (non me preocupan). En relación á formación poderiamos caer no eterno debate: ós que controlan parécelles unha perda de tempo e ós que non controlan din que nunca é suficiente (non me interesa entrar aí agora), pero finalmente aparece o debate que, dende o meu punto de vista goza de maior interese.

Os contidos educativos. A súa tradición.

Ninguén do mundo profesional docente hoxe en día é alleo ó debate recurrente entre escola tradicional, baseada na transmisión de contidos onde o libro de texto é o auténtico rei, e os que avogamos por un sistema baseado na capacidade de crear do alumno, esa que permite o desenvolvemento da opinión crítica e da capacidade para a transformación social. Esa onde o profesor non escupe “contidos” senón que guía procesos. Para o debate que me interesa non debemos obviar isto e, si quixeramos intervir, o posicionamento ante o foro no que nos atopemos sería necesario. Eu, claramente, posicionome na necesidade do cambio.

Os contidos educativos. A súa creación.

Unha das cuestións que máis me chamou a atención cando entrei no sistema educativo foi a falta de uso de linguaxe técnico-pedagóxica (sei que os mecánicos, electricistas, profesionais da moda, etc… teñen unha “jerga” que posiblemente eu non entendería; chea de palabras con grandes significados, coa finalidade de facilitar a comunicación entre os membros do gremio). Esta razón foi a que me fixo dubidar da forma na que vou comezar a seguinte frase: Os elementos prescritivos do currículum, xunto cos diferentes niveis de concreción curricular, son os que aseguran, dentro dun mesmo sistema, a igualdade de oportunidades no acceso á educación de tódolos cidadáns en idade escolar. Digamos que son a garantía mínima que a lei esixe. (nota 1)
Agora ben, en que termos ofrecemos esta garantía? O terceiro nivel de concreción curricular (programación de aula) xa nos esixe ós docentes adaptar as propostas comúns (PCC) a unha realidade concreta, a do grupo de alumnos cos que imos traballar ese curso. Neste proceso de adaptación é contraditorio basear a metodoloxía docente no libro de texto, xa que tecnicamente traballaríamos inadaptados, distanciados, desvinculados dos alumnos.
Dende unha postura equilibrada, o libro de texto serviría como un apoio ó proceso de ensino-aprendizaxe, pero esta teoría ten outras patas nas que suxeitarse, e seguramente algunha de elas pasaría pola creación, xa non de contidos educativos, senón de algún tipo de recurso.

Os recursos educativos. A súa difusión.

Co invento por parte de Gutenberg da imprenta moderna a difusión interxeracional da cultura tende a universalizarse de xeito que, paseniñamente e ata o día de hoxe, tódolos cidadáns do mundo desenvolvido teñen acceso a un conxunto de libros que, a través da súa lectura, imprimen nel un punto de vista concreto sobre unha realidade determinada. Neste complexo proceso xogan un papel importante, e máis si estamos a falar de entornas escolares, as estruturas editoriais que posibilitan ós docentes dispoñer dunha ferramenta que guíe ós seus alumnos cara a superación dos “mal entendidos” criterios de avaliación.
A difusión, a falta de outros medios mellores, realízase en formato papel, tendo os departamentos didácticos nos centros educativos a posibilidade de elixir, de entre as propostas posibles, aquela máis se adapte. Esta é a base do negocio editorial na educación, a elaboración (creación) e venda (difusión) de libros listos para utilizar.
Loxicamente, os recursos creados polos profesores para adaptar as propostas didácticas ó seu grupo concreto de alumnos, por norma xeral, eran dificilmente compartidos polas dificultades asociadas ó “soporte papel” ou outros soportes multimedia. Que pasa e como se adaptan as empresas e os docentes á aparición dos novos medios de difusión?

Os libros dixitais. Os contidos educativos dixitais. As licenzas de uso.

Por unha cuestión lóxica de economía todo o mundo tende a reproducir actitudes, procedementos, formas que coñecemento xa adquiridas… ás veces introducimos pequenos elementos de innovación sobre unha base común que entendemos como o mundo “coñecido”, pero dificilmente nos plantexamos romper a sólida estrutura; aínda que frente a nós vexamos como pouco a pouco escorre o óxido e a tendencia a desaparecer da mesma sexa clara. Quizais, a procura da estabilidade emocional, básica para a consecución da amada felicidade, axude a continuar mantendo en moitos casos esas dinámicas comúns.
Dende o meu punto de vista, o comportamento actual da industria editorial no aproveitamento máximo das dinámicas baseadas na distribución tradicional, podemos resaltar dúas estratexias diferenciadas: a primeira é convertendo o típico “prohibido fotocopiar” nun elemento central do negocio, substituíndo a venda de libros de texto por venda de licenzas de uso de libros dixitais. Isto implica un sobre esforzo por parte das editoriais nos procesos anti-copia destes recursos. As familias xa non van á librería mercar un libro físico, mercan un usuario e un contrasinal que lles da acceso a uns contidos determinados na web durante un período limitado (en outra entrada de blog poderei falar das enormes limitacións técnicas que ten este modelo). Como segunda estratexia de negocio importante podemos dicir que se amosan como salvadoras da desgracia escolar, esa na que os docentes non posúen contidos educativos dixitais para comezar a utilizar o equipamento do Proxecto Abalar. De esta realidade, aínda non teño moi claro quen ten a culpa, pero case me aventuro a dicir que non existen os culpables, ou que todos o somos.
Como calquera empresa para despuntar e lograr un maior beneficio é preciso dotar ós produtos dun valor engadido que os converta en competitivos a medio prazo. O contrario é unha condena. No caso das editoriais de libros de texto o peor enimigo que se podían atopar é aquel que comparte desinteresadamente o produto que elas mesmas venden, os recursos educativos (recordamos: creación e difusión como pilares tradicionais das empresas editoriais de libros de texto). Así que, ou deciden tirar o muro e comezar xa para saír con vantaxe, ou continúan reinventando formas de aproveitar ata a última peseta que os últimos rezagados están dispostos a ofrecerlle.

Os recursos educativos e as propostas didácticas.

Veredes como ó longo do artigo vin utilizando os termos libros dixitais, contidos educativos e recursos educativos case indistintamente. O certo é que se utilizan case como sinónimos, aínda que son perfectamente diferenciables.
Un libro dixital é aquel que reproduce a estrutura do libro tradicional. Os editores dirán que inclúen elementos interactivos (vídeo, audio, animación…) con referencias a páxinas web, e exercicios baseados en metodoloxías activas, pero en definitiva continúan sendo unha proposta pechada que unicamente nos valería como apoio, no caso de non ter outra alternativa. En ningún caso poderiamos basear a nosa metodoloxía nun libro dixital xa que incumpriríamos co terceiro e cuarto nivel de concreción curricular.
Un contido educativo dixital é un elemento susceptible de formar parte dunha proposta didáctica. Loxicamente terá que ser dixital o que quere dicir: con capacidade de ser almacenado nunha estrutura dixital de datos.
Un recurso educativo é un elemento aproveitable por calquera membro da comunidade educativa que participe no proceso de ensino-aprendizaxe. A diferencia dos contidos dixitais, un recurso pode ser unha unidade didáctica empaquetada en pdf que un profesor comparte na rede para o seu aproveitamento por parte dun compañeiro.
Por último, as propostas didácticas son unidades de acción pedagóxica con estrutura mínima: obxectivos, contidos, metodoloxía e avaliación.

O cambio baseado nos elementos descritos.

Os principais responsables do cambio somos os propios docentes, moitas veces obsesionados polos contidos dixitais para poder utilizar na aula. Alleos ós milleiros de recursos que inundan a rede esforzámonos por culpar a quen non pon á nosa disposición ese pequeno elemento. O profesorado galego, máis que contidos educativos dixitais, necesita recursos educativos para poder desenvolverse na Sociedade da Información, e para poder así contribuír ó desenvolvemento da capacidade básica de aprender a aprender no seu alumnado, deixando a un lado a mera figura de transmisor de contidos. De pedir algo, non sería máis lóxico pedir propostas pedagóxicas coherentes?
Actualmente a dúbida está en quen realiza as propostas pedagóxicas. Nun mundo onde o acceso á información a través das tecnoloxías da información e da comunicación é infinito non ten sentido identificarse ante un servidor para descargarme aqueles contidos que pagamos e que, unha vez rematado o curso, non poderei volver a consultar. Non serán as editoriais as que o fagan, xa que a sociedade demanda outro tipo de acceso á información. Seguramente non exista un ser divino que as poña á nosa disposición, así que teremos que ser nós mesmos, os docentes, os encargados de participar na construción conxunta destas propostas. Para iso é necesario respectar certos principios dos que poderei falar en outra entrada, pero agora: cal é o papel da administración educativa?

O papel da administración educativa ante a situación.

Como traballador na administración vaia por diante que son dos que pensa que todo o profesorado pertencente ó sistema público da educación galega pertence á administración, xa pode ser nun destino ou en outro. No meu caso, actualmente estou en comisión de servizos como asesor na parte de sistemas informáticos, pero considérome plenamente persoal docente, aínda que actualmente non participe de xeito habitual das entornas comúns do sistema.
Dito isto vou cambiar a denominación, e en vez de falar da administración falarei directamente da Consellería de Educación. Cal é o seu papel?
Actualmente o papel da Consellería de Educación non é nada sinxelo, os elementos de presión ós que está sometida son moitos e moi fortes. Por un lado estamos os docentes demandando contidos educativos e formación na prensa, por outro a industria editorial que non sabe moi ben que facer para poder garantir a súa continuidade, pero o que si ten claro esta industria é que actualmente pode suplir as necesidades do sistema. Que facer logo? Inicialmente a ecuación é doada, si demandan contidos educativos e existen empresas que nos ofrecen contidos educativos, porque non darllos?
Outra opción, algo máis complexa, sería propiciar as estruturas básicas para que o profesorado, de xeito colaborativo, puidera construír esas propostas curriculares. Unha sabia idea que lle escoitei en algunha ocasión a Jordi Adell é: que pasaría si cada profesor español creara un recurso educativo? E si fora o profesorado galego?
Nota: O de “quen transporta a quen” do título da entrada ven derivado dunha pequena metáfora que veu á miña cabeza cando pensaba neste artigo. Que pasaría coa industria de autocares galega, plenamente asociada ó transporte escolar, si un día nos damos conta que inventaron o teletransporte? Si, unha idea un pouco estraña, pero de aí ven o título.

A maiores:

La industria del libro denunciará a Educación por “arruinar” al sector
http://elcorreoweb.es/2010/05/21/la-industria-del-libro-denunciara-a-educacion-por-arruinar-al-sector/
A solución das editoriais: Un desafío a la industria de los libros de texto
http://www.librosytecnologia.com/2008/07/22/unxdesafxoxaxlaxindustriaxdexlosxlibrosxdextextoxxx/

Creative Commons License
Blog Nimo Tic: Sociedade Rede e Educación by Pablo Nimo Liboreiro is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
Permissions beyond the scope of this license may be available at http://www.edu.aiovai.org/licenza.
Imaxe: http://www.flickr.com/photos/wendigo/2955368355/sizes/m/in/photostream/

1.- Niveis de Concreción curricular: http://www.slideshare.net/adnaloy/niveles-de-concrecin-curricular-5402028

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

2 thoughts on “Quen transporta a quen? Contidos educativos e propostas curriculares.

  1. Estou dacordo en case todo o que dis (na parte que chego a entender) só vexo dous inconvintes:
    propiciar as estruturas básicas para que o profesorado, de xeito colaborativo, poida construír esas propostas curriculares non é algo “inmediato” senón un pran a longo prazo que precisaría o apoio e compromiso tanto da administración (que non soe ter moita paciencia cos prazos que impón) como do profesorado que non sempre ten a boa disposición de crear, colaborar e compartir, alo mneos non tanto como sería desexable. E mentres ese proceso vai madurando ata que chegue a dar froitos ¿qué farán os profesores nas súas aulas dixitais?

    VA:F [1.9.22_1171]
    Rating: 0.0/5 (0 votes cast)
    VA:F [1.9.22_1171]
    Rating: 0 (from 0 votes)
  2. Boas Nita. En tódolas capas implicadas no desenvolvemento pedagóxico existen limitacións, o que non quere dicir que non debamos construir camiños. Mentres tanto o ideal non existe teremos que equilibrar a loita polo ideal co traballo do posible.
    Os profesores somos suficientemente competentes para sacarlle partido a ferramentas tan poderosas. Saúdos!

    VN:F [1.9.22_1171]
    Rating: 0.0/5 (0 votes cast)
    VN:F [1.9.22_1171]
    Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*