¿Non á modificación do horario do profesorado?

Comparte!

Boas compañeiros,

Abro este fío de debate porque me gustaría analizar con vós determinadas mensaxes que dende as diferentes organizacións sindicais se envían á sociedade. Para iso vou expresar aquí a miña opinión sobre, por exemplo, o lema que servíu de cabeza de manifestación este venres 9 en Santiago e que versaba: “Non á modificación do horario do profesorado. Mantemento do acordo de 2007”, ou por exemplo o titular que a maioría dos sindicatos emiten incluíndo case sempre o texto “incremento do horario”, na maioría das veces enganden “lectivo” (que menos).

A miña opinión:

A cabeza de cartel da manifestación é tremendamente errónea, e como non quero ser excesivamente imaxinativo, non vou pensar que estivera manipulada por, precisamente, aqueles que están a materializar os recortes en educación.

O desprestixo social que están a sufrir os funcionarios no seu conxunto parte do cuestionamento dun sistema onde se considera que o tamaño da Administración Pública (onde se inclúe ós seus traballadores) é excesivo, polo tanto é preciso reducilo.

A actual campaña en contra do ensino público enmárcase claramente nesta estratexia. Para iso, cada comunidade autónoma lanza determinados globos-sonda, pero á vista está que comparten unha unha estratexia común. Están, por así dicilo, facendo investigación ó tempo que avanzan en aceleración progresiva cara os seus obxectivos.

Unha das ferramentas máis valiosas que ten esta estratexia é o desprestixio social do funcionario. O valor desta ferramenta non se basea nunha complicidade de emocións compartidas, senón na máis absoluta manipulación de un gran conxunto da poboación hoxe oprimida polo medo a perder o emprego, e pola necesidade de pagar a hipoteca (emprego e vivenda, buf!). Así pois, as mensaxes que se lanzan á sociedade están cargadas de, como diriamos os docentes, “currículum oculto”.

Volvendo ó lema de cabeza de cartel “Non á modificación do horario do profesorado”, este fai mención directa ó “horario dos profesores”, precisamente unha das bazas principais coas que xogan os poderes dominantes nesta campaña de desprestixio, e por si fora pouco, nin se inclúe a palabra “lectivo”. Isto aviva claramente a confusión social que existe entre horario lectivo, horario de permanencia, horario de coordinacións e xornada laboral. E, no caso de aqueles que non precisan unha explicación ó respecto das diferencias, cuestionaranse si realmente inflúe tanto dúas horas lectivas máis (seguramente moitos de nós xa estivemos estes días a discutir con familiares e amigos). Ó final, a discusión en vez de ser unha discusión conxunta sobre o desmantelamento dos servizos públicos (e en definitiva de perda de dereitos sociais de todos), convértese, unha vez máis, en si os profesores traballamos moito ou pouco (un sin sentido).

Sabendo isto, porque os sindicatos non elixiron un cartaz do tipo “Non á redución das titorías, as coordinacións e a planificación”? En realidade é o mesmo, o noso horario componse en diferentes proporcións de diferentes aspectos, e si suben uns terán que baixar os outros, por que elixir a opción máis sinxela de manipular?? No caso de que consideremos que é un cartaz demasiado complexo ben podemos, aproveitando o actual debate, compartir coa cidadanía o seu significado contribuíndo así á dignificación dos docentes públicos que tanto estamos a buscar.

A defensa dos nosos dereitos ten diferentes dimensións, ó meu modo de ver:

  • Unha dimensión social que, como docentes, debemos ter moi presente xa que implica a eliminación do sistema público de educación en favor do aumento da concertada/privada, onde como sabemos, o papel da pública acabaría converténdose en puramente asistencial, aumentando totalmente as diferenzas entre clases sociais.
    A estratexia a seguir aquí é clara, sumar cantos máis apoios mellor de xeito creativo, xerando debate e respectando as opinións diferentes, porque o respecto é unha das bases para o cambio.
  •  Unha dimensión laboral, que se basea nas diferentes negociacións colectivas, e para as que é moi importante atender ós ámbitos políticos, que hoxe en día están totalmente globalizados.
    Gustaríame que palabrotas como FMI, BCE, BM, críticas férreas ós sistemas externos de calidade con PISA á cabeza, entre outros elementos, apareceran nos debates.
  • E unha dimensión individual que depende da circunstancia de cada un.

Eu téñoo claro, concretar TODAS as nosas forzas en iniciativas excesivamente definidas, como a actual modificación do horario lectivo, é favorecer a estratexia da manipulación. E moito máis o é elixir un cartaz que diga “Non á modificación do horario do profesorado”. Un amigo meu diría: – Somos corzos, ou que?

Defendo o papel dos sindicatos como elemento de sistema pero non a súa actual actuación de conxunto. Nesta crítica inclúo ós propios traballadores que moitas veces non contribuimos o que deberamos na definición das iniciativas pero, para min, hoxe falta unha convocatoria REGULAR de asambleas onde poidamos expresarnos, sin necesidade de ter que acudir a reunións totalmente dirixidas.

Saúdos.

(Este texto é unha copia dun tema de foro que abrín no foro do Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia que se pode ver en: http://foro.stegsindicato.org/viewtopic.php?t=11372)

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*