Falando de licenzas abertas

Comparte!

(Este artigo é unha copia do publicado no blogue “Tecnoloxía Educativa en Abalar” no espazoAbalar.)

Que son as licenzas de autor?

Algún concepto previo, as obras orixinais e as obras derivadas.

Cando falamos de licenzas (autorizacións) de uso sobre obras creativas debemos diferenciar entre “obra orixinal” e “obra derivada”.

Unha obra orixinal é a que o autor crea sen utilizar ningunha outra obra concreta. Unha obra derivada é a que se crea a partires dunha ou dun conxunto de obras existentes. Esta debe garantir os dereitos de autor da obra orixinal.

Que son os dereitos de autor?

Cando unha persoa crea unha obra esta adquire automaticamente dereitos de autor. Trátase da titularidade (propiedade) sobre esa obra e sobre os usos que sobre ela pódense realizar.

As obras adquiren dous tipos de dereito:

  • Propiedade moral: decide sobre en que forma é divulgada a obra, o recoñecemento e o respecto á integridade do autor. Esta propiedade é un dereito irrenunciable e inalienable [1].
  • Propiedade económica: comprende a reprodución, distribución, comunicación pública e transformación da obra do autor. Estas non poden realizarse sen a autorización do autor.

Que son licenzas de autor?

As licenzas de autor son os permisos que os propios autores establecen sobre os dereitos de explotación económica (dos que eles mesmos son propietarios). Os dereitos de tipo moral non se poden ceder nin explotar.

Que poden facer terceiras persoas en relación á propiedade económica das miñas obras?

A Lei de Propiedade Intelectual [2] define que, se o autor non expresa o contrario, os dereitos de explotación económica están reservados ao autor. Isto é o que se coñece como “Todos os dereitos reservados”, tamén chamado Copyright.

En consecuencia, a resposta á pregunta do título a este parágrafo é: nada.

  • Se eu son autor de unha obra, e non indico nada cando a poño a disposición dos demais, automaticamente adquire Copyright e ninguén pode facer nada con ela.
  • Dito de outra forma, se o autor non indica de algún xeito os usos que podemos facer das súas obras, nós non poderiamos: reproducila, distribuíla, comunicala publicamente ou transformala.

Como podo indicar que quero permitir determinados usos das miñas obras?

Para indicar que quero permitir determinados usos das miñas obras utilízanse as licenzas, que non deixan de ser permisos (autorizacións) aos que facemos referencia para definir eses usos.

Existen licenzas pechadas, como un contrato privado entre o autor e o usuario final, onde pode existir un beneficio económico. Outras veces a xestión destes contratos realízanse contra entidades de xestión que funcionan a modo de intermediario entre autor e usuario final. Pero tamén existen licenzas libres, onde o autor indica no momento da divulgación da súa obra que calquera pode realizar determinados usos das obras. É aquí onde entran en xogo as licenzas Creative Commons.

Que son as licenzas Creative Commons?

As licenzas Creative Commons naceron como un instrumento complementario ao Copyright, non pretenden substituílo, senón simplemente complementalo para facilitar a posibilidade do autor a compartir as súas obras baixo unha serie de condicións. Se a normativa actual (LPI) establece por defecto todos os dereitos reservados (copyright), as licenzas Creative Commons indican só algúns dereitos reservados.

Sobre que elementos da Lei de Propiedade Intelectual se estruturan as licenzas Creative Commons?

As licenzas de autor libres establecen determinados usos sobre os dereitos de tipo económico (reprodución, distribución, comunicación pública e transformación). Aínda que a nivel xeral as leis de propiedade intelectual dos diferentes países son moi similares, en cada país os texto das licenzas Creative Commons está adaptado á lexislación específica do momento.

Que autorizacións establecen as licenzas Creative Commons sobre os dereitos de explotación económica?

  • O usuario é libre de reproducir a obra (copiala).
  • O usuario é libre de distribuír a obra.
  • O usuario é libre comunicar publicamente a obra.

Nestes casos o autor resérvase o dereito de decidir se o usuario pode ter ánimo de lucro ou non no uso que faga da obra (NC e ND). Ademais, o autor tamén se reserva o dereito de establecer unha condición sobre a licenza que o usuario (que utiliza a obra do autor) debe poñer á súa propia obra (SA).

Que elementos de licenza (condicións para a autoriazación do uso das obras) entran en xogo?

Partindo de catro elementos de licenza existen seis tipos de licenza Creative Commons diferentes.
Recoñecemento (Attribution). Non se permite o uso das obras sen a referencia aos autores, polo que o recoñecemento é sempre obrigatorio.
Non comercial (NC): O autor non autoriza o uso comercial das súas obras.
Sen obras derivadas (ND): O autor non autoriza a transformación das súas obras.
Compartir Igual (SA): A explotación da obra só se autoriza sempre que, o usuario (seguinte autor) manteña a mesma licenza na divulgación da súa obra.

Fonte: http://es.creativecommons.org/licencia/

Cantos tipos de licenza Creative Commons existen?

Coa combinación dos tres elementos de licenza sobre os que o autor pode establecer autorizacións (NC, ND e SA), pódense construír seis licenzas diferentes.

Recoñecemento (by): Permítese calquera explotación da obra, incluíndo unha finalidade comercial, así como a creación de obras derivadas, a distribución das cales tamén está permitida sen ningunha restrición.
Recoñecemento – NonComercial (by-nc): Permítese a xeración de obras derivadas sempre que non se faga un uso comercial. Tampouco se pode utilizar a obra orixinal con finalidades comerciais.
Recoñecemento – NonComercial – CompartirIgual (by-nc-sa): Non se permite o uso comercial da obra orixinal nin das posibles obras derivadas, a distribución destas debe realizarse con unha licenza igual á que regula a obra orixinal.
Recoñecemento – NonComercial – SenObraDerivada (by-nc-nd): Non se permite un uso comercial da obra orixinal nin a xeración de obras derivadas.
Recoñecemento – CompartirIgual (by-sa): Permítese o uso comercial da obra e das posibles obras derivadas, a distribución debe facerse con unha licenza igual á que regula a obra orixinal.

Recoñecemento – SenObraDerivada (by-nd): Permítese o uso comercial da obra pero non a xeración de obras derivadas.

Que licenza debo utilizar?

Para cada obra, o autor pode decidir unha licenza diferente, aínda así, chegar a un acordo sobre cal é a mellor licenza a utilizar por todos simplifica a identificación dos posibles usos que, sobre unha obra existente en internet, se poden realizar.

Cales son as licenzas máis utilizadas en educación?

En educación o tipo de licenza libre máis utilizado é a Licenza Creative Commons BY-NC-SA, aínda que xa existe experiencia e documentación ao respecto que desaconsella utilizar o condicionante NC, como podemos ver no documento “Los argumentos a favor del uso libre: Razones por las que no usar una licencia Creative Commons -NC” [3], sendo unha posible opción a licenza BY-SA.

Como licencio con Creative Commons a miña obra?

Se a obra que queremos licenciar é orixinal o autor só ten que tomar a decisión sobre a licenza a utilizar. No caso de que a miña obra sexa derivada, será necesario un pequeno estudo das obras orixinais antes de seleccionar a licenza coa que vai a ser divulgada a obra en cuestión.

Para decidir os termos en base aos que queremos divulgar as nosas obras só temos que especificar que nos acollemos a un tipo de licenza determinado. Este proceso podemos realizalo a través dos propios logos, ou simplemente utilizando texto. Unha vez que temos a dinámica interiorizada sobre o uso de licenzas “Creative Commons” chega con que fagamos referencia ás mesmas indicando o condicionante específico (by, by-nc, by-nc-sa, by-nc-nd, by-sa ou by-nd). Para facilitar a toma de decisións inicial, Creative Commons España pon á nosa disposición un formulario web que nos realiza unha serie de preguntas e nos guía no proceso de selección da licenza. Cando queiras utilizar estas ferramentas podes acceder ao formulario para escoller unha licenza Creative Commons: Escolle unha licenza [4] e seguir as instrucións que alí se indican.

Vídeo: Se Creativo, é doado se te saltas aos intermediarios

Este é un vídeo de moi recomendable visionado: http://www.youtube.com/embed/dI-eUc-bgfI

Enlaces de interese:

[1] Que non se pode (…) transmitir, nin ceder nin vender legalmente (wordreference.com)
[2] “Real Decreto Legislativo 1/1996, de 12 de abril, por el que se aprueba el Texto Refundido de la Ley de Propiedad Intelectual, regularizando, aclarando y armonizando las disposiciones legales vigentes sobre la materia” http://civil.udg.es/normacivil/estatal/reals/lpi.html
[3] Los argumentos a favor del uso libre: Razones por las que no usar una licencia Creative Commons – NC
[4] http://creativecommons.org/choose/?lang=es_CO

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*