Re-comezar

Comparte!

(Este artigo é unha copia do publicado no blogue “Tecnoloxía Educativa en Abalar” no espazoAbalar.)

Arranca un novo curso escolar, e con el toda unha serie de iniciativas que o farán único. Sendo conscientes de que cada un de nós podemos contribuír co noso gran de area a unha vida escolar máis rica, unha das grandes decisións que estes días teremos que afrontar é en que proxectos queremos participar, e aqueles nos que podemos poñer algo máis de nós mesmos asumindo o seu “liderazgo”. Grandes son as posibilidades que se nos abren con esta decisión, un mundo de ideas a desenvolver e de experiencias que vivir e compartir.

Proxectos como o de convivencia permitirannos contribuír ao desenvolvemento de aquelas habilidades máis ligadas á intelixencia emocional: cooperación, paixón por un soño, identificación e posta en valor da diversidade humana, defensa da paz, loita pola igualdade… Este proxecto articula a vida escolar, a dos nosos alumnos, as súas familias, e tamén a dos nosos compañeiros. Outro proxecto posible é o asociado á organización das actividades complementarias, esa ventá a un mundo de felicidade oculta polos libros de texto, as sumas, as faltas de ortografía e as catro paredes que forman a aula. Nel poderemos adentrarnos no desparecido mundo das artes e recuperalo para as nosas escolas. Se optamos polo proxecto de normalización lingüística teremos ocasión de, a través da lingua galega, dinamizar o valor e a protección da nosa identidade cultural. E por último, as bibliotecas escolares, con Galicia de referente a través do PlanBE [1], constitúen o eixo que permite atrapar aos nosos alumnos no mundo da lectura, lugar de ilusión, que lles permitirá viaxar por novos mundos e imaxinar outros moitos.

Outros proxectos, máis específicos, poden chamar a nosa atención e contribúen enormemente a unha vida escolar máis diversa: o impulso dunha radio educativa, a revista escolar, e outros miles que xa se están a desenvolver nos nosos centros.

Un par de ideas poden contribuír a unha mellor decisión sobre o proxecto no que participar: elixe o teu proxecto co corazón, busca aliados e traballa en equipo, e cada certo tempo cambia de ámbito, diversifica.

Todas estas oportunidades de crecer en forma de grandes proxectos están interconectadas polo que será imposible obviar, dende uns, que os outros existen. É, nesta conexión e nesta colaboración, onde reside unha parte importante do potencial de éxito dos mesmos. Permitirán establecer unha estratexia conxunta de centro á vez que fará partícipe a todos de todo, aprendendo todos de todos [2].

Como podemos contribuír e favorecer a colaboración e comunicación entre os membros activos dos proxectos que se desenvolven no noso centro? A pregunta, retórica vindo deste blogue, respóstase por si soa: a través do Proxecto TIC.

Facer  visible unha tarde de xogos cooperativos con unha entrada na páxina web do centro [3], dando a coñecer á comunidade o grande que pode ser un momento escolar. Organizar unha saída por un roteiro de sendeirismo botando man de Wikiloc [4], compartíndoa así cos que temos máis preto. Potenciar o uso do galego nos nosos alumnos recorrendo á Galipedia [5] para elaborar un artigo sobre a nosa aldea. Son exemplos do valor que podemos ofrecer aproveitando o potencial da rede.

Así pois, se tras esta decisión optas por pasar unha temporada na aventura das TIC é importante recoñecer os tres significados, ou elementos de significado, das palabras que compoñen o acrónimo:

  • Tecnoloxía: é a parte das TIC que funciona como medio para o proceso comunicativo (terminais, aplicacións e conetividade). A súa enorme evolución técnica condiciona continuamente o contexto no que viaxa a información.
  • Información: é a pasaxeira incansable da rede. Xa vive alí, e alí temos que ir buscala.
  • Comunicación: o seu potencial humano radica na necesidade de que existan dous ou máis interlocutores que intercambian pareceres.

Estes elementos, que combinados representan un enorme potencial de desenvolvemento, non deixan de ser un “medio” para a consecución de aqueles obxectivos educativos que o centro ten definidos. A nosa contribución resultará una experiencia apaixonante no que teremos a oportunidade de aprender, investigar, crear e construír. Teremos que esquecernos de prexuízos e repensar a educación nun contexto cambiante, onde a tecnoloxía ao servizo dos nosos alumnos é tamén mediadora da súa aprendizaxe, pero ollo, en ningún momento poderán substituír á mediación experta que representamos nós: os docentes. Neste contexto aberto faise presente aquelo de “Cando cres coñecer tódalas respostas, aparece o universo e cámbiache tódalas preguntas (Albert Espinosa). Así que aventureiros e aventureiras aquí tendes o voso proxecto, a vosa rede, a vosa web.

Dádelle a un home máis do que poida facer e farao, dádelle simplemente o que poida facer e non fará nada. (Rudyard Kipling)

Moito ánimo e vémonos nas mentes!

[1] http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/
[2] Paulo Freire: ”Todos ignoramos algo. Todos sabemos algo. Por iso aprendemos, sempre”.
[3] http://www.edu.xunta.es/centros/websdinamicas/
[4] http://es.wikiloc.com
[5] http://gl.wikipedia.org
Imaxe CC0 1.0: Runner start de shokunin http://openclipart.org/detail/76975/runer-start-by-shokunin

Licenza: CC-BY (vostede é libre de compartir, copiar, distribuír, comunicar a obra, facer obras derivadas e facer un uso comercial desta obra baixo as condicións de atribución)

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*