Metodoloxía Copyleft en Educación: Xustificación teórica

Comparte!

Hai un par de meses comentaba en Metodoloxía Copyleft en Educación: Creative Commons e fontes abertas como nos puxeramos a reflexionar sobre o copyleft e a súa relación co mundo educativo. Facíamos unha primeira referencia a un espazo en Moodle onde iremos recollendo documentación e realizando propostas formativas para contribuír a unha introdución das TIC nas aulas o menos traumática posible. Espazo aínda en desenvolvemento.

http://copyleft12.blogspot.com.es/

Hoxe complementámolo coa xustificación teórica desta metodoloxía.

A “metodoloxía copyleft en educación” é un conxunto de especificacións técnicas de software, contido dixital e usos tecnolóxicos baseados nunha filosofía de colaboración. Esta pretende dar solución a varios problemas que actualmente se están a dar no uso da tecnoloxía no nos centros educativos.

Inclúe referencias metodolóxicas enmarcadas nunha concepción constructivista dos procesos de ensino e aprendizaxe, onde a tecnoloxía é un medio para a consecución dos obxectivos educativos, pero un medio que condiciona a propia metodoloxía. Así, é preciso unha análise das ferramentas e usos tecnolóxicos que sirvan de engrenaxe entre as concepcións renovadoras da educación e os propios usos..

O seu obxectivo fundamental é:

  • Contribuír ao coñecemento do novo contexto sociucultural no que o uso da rede modifica a gran maioría de procesos coñecidos, e adaptalos a usos especificamente educativos.
  • Reducir o tempo e esforzo que os protagonistas TIC (tódolos docentes) adican nos centros a pelexar co equipamento permitindo así a reflexión e perfeccionamento no propio uso das TIC
  • Favorecer estratexias de comunicación e colaboración con outros compañeiros.

Consideramos que esta metodoloxía favorecería a discusión sobre o uso tecnolóxico evitando a súa consideración de fin en si mesma. As transformacións ás que aspira esta metodoloxía de uso das TIC son as seguintes:

  • Transformación das funcións docentes reais relacionadas coas TIC, tentando substituír, na medida do posible ao mínimo, os traballos na aprendizaxe específica de ferramentas por traballos asociados á consecución dos obxectivos educativos.
  • Transformación das funcións dos dinamizadores TIC nos centros educativos, reducindo o tempo adicado a soporte técnico do centro, e aumentando o tempo de dinamización e asesoramento TIC aos compañeiros docentes.
  • Transformación da concepción que un gran conxunto do profesorado ten sobre as TIC como un mundo excesivamente complexo e reservado para entusiastas da tecnoloxía que, sometido a un continuo e abrupto cambio, é de imposible seguimento. Dotando ao profesorado de criterios de selección de ferramentas que favorezan unha comprensión do mundo tecnolóxico o máis simple posible.

Os contidos a través das cales se podería chegar a traballar esta metodoloxía organizaríanse en base aos seguintes puntos:

  1. O procomún
    Ao longo da historia existiron, e existen, un conxunto de bens que pertencen a todos e que, por isto mesmo, pasan desapercibidos. No momento en que estes bens están ameazados sen unha xustificación clara fanse visibles, xerando un amplo debate social. Este é o caso do contido creativo na Sociedade da Información e do Coñecemento. A primeira vez xurde este conflito na nova sociedade é co movemento do Software Libre.
  2. Os dereitos de autor (copyright)
    As leis de propiedade intelectual naceron a comezos do Século XVIII para garantir que os autores puideran vivir das súas propias creacións. Contemplaban un “período de protección” moi limitado, este é o tempo durante o cal a obra está protexida e no que a súa explotación pertence en exclusiva ao seu autor. Ao longo dos anos as leis foron transformándose para protexer a industria cultural, tal é así que este período foi crecendo ata chegar á duración actual: 70 anos despois da morte do autor. Nesta nova sociedade na que a industria cultural está a sufrir especialmente os cambios, é preciso facer unha profunda reflexión sobre a organización dos dereitos de autor.
    En España a Lei de Propiedade Intelectual é do ano 1996 e, aínda que sufriu determinadas modificacións, mantén a estrutura e contido do século e sociedades pasadas.
  3. O copyright no eido educativo
    Na lei existen determinadas excepcións que permiten un uso específico das obras creativas no eido educativo, estas regúlanse no artigo 32 “Citas e ilustracións da ensinanza”. Existe a concepción entre parte do profesorado que, sempre e cando non exista ánimo de lucro, podemos facer un uso ilimitado das obras protexidas e, aínda que no ámbito puramente privado da aula podería aparentar non ter implicacións, estas non deixan de ser extensións da nova “Sociedade en Rede” e a nosa aula funciona como un nodo dunha rede social máis ampla. Nela os contidos deben viaxar con garantía para a súa compartición. Garantir a fluidez na transferencia de contidos é, en consecuencia, asegurar o “retorno colectivo” que nos permitirá pouco a pouco ir accedendo a máis propostas pedagóxicas dixitais e de maior calidade.
  4. http://commons.wikimedia.org/wiki/File:LuMaxArt_Gold_Guys_With_Creative_Commons_Symbol.jpg
    LuMaxArt Gold Guys With Creative Commons Symbol

    Metodoloxía copyleft como complementaria ao copyright
    O copyleft é unha filosofía baseada nas catro liberdades do software publicadas por Richard Stallman a finais dos anos 80, estas representan a base da construción do software libre, que é primeiro proxecto de regulación en rede do procomún a gran escala. As licenzas de contido abertas, así como as filosofías de acceso ás fontes dos mesmos, son fillas directas de estas catro liberdades. O copyleft complementa ao copyright na medida en que representa unha saída a usos dixitais que os usuarios xa realizan en internet de xeito natural e non están contemplados especificamente na lei.

  5. Usos tecnolóxicos condicionados
    Asumir a metodoloxía copyleft en educación significa condicionar o uso que facemos da tecnoloxía, aplicando criterios de selección de ferramentas e de contido que aquí se propoñen. Criterios pensados en favor dos principios de accesibilidade, adaptabilidade, durabilidade e interoperabilidade.
    Na metodoloxía copyleft propóñense unha serie de ferramentas de software libre como núcleo no uso tecnolóxico educativo. Estas xiran entorno ao navegador como terminal de consulta para contidos educativos, ferramentas de autor para a elaboración e transformación de recursos educativos dixitais, repositorio de contidos para o acceso e difusión dos recursos, e a aula virtual para a organización da e planificación da proposta didáctica.
  6. As Licenzas Libres nos contidos educativos: Creative Commons
    A filosofía copyleft en relación ao contido creativo concrétase no uso de licenzas abertas de contido, sendo as máis estendidas e utilizadas as “Creative Commons”. Existindo catro condicionantes que dan lugar a seis licenzas diferentes, consideramos que o debate actual está xa no condicionante relacionado co uso comercial das obras creativas.
  7. Acceso a recursos libres na rede
    Aínda que esta metodoloxía non está adoptada a nivel xeral no uso dos contidos educativos, os repositorios de contido máis comúns ofrecen nas súas opcións avanzadas de busca a posibilidade de filtrar por tipo de licenzaxa. Por outro lado xa existen tamén repositorios con contido exclusivamente libre, sendo é o exemplo máis potente a propia Wikipedia na que só hai contido licenciado baixo Creative Comons (BY-SA), licenza pola que aposta esta “metodoloxía copyleft”.

———————-

Licenza: CC-BY (vostede é libre de compartir, copiar, distribuír, comunicar a obra, facer obras derivadas e facer un uso comercial desta obra baixo as condicións de atribución)

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

One thought on “Metodoloxía Copyleft en Educación: Xustificación teórica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*