LOMCE, reválidas, compensación e desobediencia civil

Comparte!

A educación pública está para ofrecer as mesmas oportunidades a TODOS independentemente da súa condición.

A LOMCE establece reválidas externas aos 8, 11, 15 e 17 anos. Na comunidade de Madrid [5] consideran que xa o deben facer tamén cos de 5.

Somos moitos os profesionais comprometidos coa educación pública que consideramos que este sistema de reválidas é un auténtico atentado contra a calidade educativa. Introducir este tipo de probas ten un claro obxectivo: a excelencia. Pero a excelencia dende un punto de vista clasista, represor e egoísta. Buscan a súa propia excelencia (a de uns poucos) en base á perda da excelencia de todos (dos nosos fillos e veciños)…

Non debemos esquecer que o éxito escolar non só depende do traballo que realizamos nas escolas públicas, nunha gran porcentaxe depende do ambiente ao que o alumno está sometido no seu ámbito social e familiar… e non unicamente estamos a falar de status económico. A diversidade é de moitos tipos, por exemplo: un alumno de clase social acomodada que pasa tódalas tardes só está sometido a un risco de fracaso escolar maior que outro que, pertencendo a unha familia máis humilde, participa dun entorno social máis motivador. Esta “diversidade” que pode supoñer unha gran riqueza de oportunidades, tamén é preciso compensala… en pedagoxía está estudado como función educativa, chámase a “función compensadora” das desigualdades [1]. É lóxico, non?

A condición de “externas” que teñen estas probas fai que non se poidan ter en conta a realidade que cada un dos nosos alumnos posúe á hora establecer as intervencións educativas máis axeitadas. Así, este tipo de políticas omite de xeito absoluto o principio para min máis importante da educación, o de “atención á diversidade”. Atenta de xeito directo contra o máis fundamental da miña profesión, contra o seu propio corazón. Estamos enfermos e temos que comezar a facer exercicio; principalmente exercicio de reflexión e de desobediencia civil [2]. Algúns xa o están a facer [3][4] e non é un acto irresponsable se está ben xustificado.

Mahatma-Gandhi_desobediencia

O que conscientemente non se está a ter en conta dende o deseño deste tipo de políticas é que, ao responder a criterios mercantilistas, funcionan a horizontes curtopracistas propios da feroz competitividade, e entenden a educación como un produto que debe estar sometido á oferta e á demanda. Criterios que en educación non resultan e que poden traer graves consecuencias para os nosos fillos.

Dubido que este tipo de políticas cheguen a implementarse tal e como están deseñadas, pero van a facer dano; xa sexa porque mentres nos fan invertir o tempo explicando esta barbarie non facemos outras cousas, ou porque ao forzarnos en manter a atención nisto non nos estamos a dar conta de que xa nos están a dar por outros lados [4].

Podes firmar a petición de retirada do anteproxecto de Ley LOMCE en www.stopleywert.org

NOTA: Hoxe quería investigar algo sobre as potencialidades educativas do proxecto RaspberryPi [6], pero vendo o vídeo que vos adxunto sentín a necesidade de escribir este artigo. Entre unhas cousas e outras van alá máis de dúas horas que considero non tiña porque ter invertido nisto. Wert débesmas.

[1] Busca en google: “función compensadora” “educación pública”
[2] http://es.wikipedia.org/wiki/Desobediencia_civil
[3] http://www.abcdesevilla.es/andalucia/20130502/sevi-pruebas-diagnosticas-junta-201305021707.html
[4] http://www.europapress.es/andalucia/sevilla-00357/noticia-piden-paralizacion-pruebas-diagnostico-educativo-filtracion-previa-algunas-ellas-internet-20130502151714.html
[5] http://sociedad.elpais.com/sociedad/2013/02/21/actualidad/1361485211_372901.html
[6] http://es.wikipedia.org/wiki/Raspberry_Pi

Licencia Creative Commons
Como sempre, vostede é libre de compartir, copiar, distribuír, comunicar a obra, facer obras derivadas e facer un uso comercial desta obra baixo as condicións de atribución
(Licenza: CC-BY-SA)

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 9.0/10 (1 vote cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: +1 (from 1 vote)
LOMCE, reválidas, compensación e desobediencia civil, 9.0 out of 10 based on 1 rating

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*