As redes sociais no ensino

Comparte!

No pasado mes de outubro tiven a oportunidade de poder colaborar con un pequeno artigo nun monográfico publicado en papel titulado “Redes sociais: tempos de cambio” para Sermos Galiza coordinado por Jorge Castro Ruso. Podes velo a continuación ou aquí coa súa maquetación orixinal.

Adoitamos dicir que as redes sociais xa existían. O feito de que un primo meu tivera un coñecido que fora o mellor procurando troitas no río favorecía que eu puidera acadar esa habilidade, e aínda que así non fora, o potencial como oportunidade existía. Esta foi unha das chamas que sostivo a nosa aprendizaxe até o de agora. Esta relación tiña unha estraña característica, non estaba guiada por un único responsable, simplemente as oportunidades comunicativas aparecían e eu podía aproveitalas ou non, entrarían aí en xogo os intereses propios de cada un. Este é un comportamento típico da estrutura en rede onde cada un pode aprender e compartir co outro. Pensar na comunicación como unha estrutura centralizada é limitar o acceso a un enorme campo de saberes, de destrezas e de habilidades que só son posibles se temos acceso a elas.

Internet nace no ámbito militar, e pasando polo ámbito universitario aterra coa web 1.0 nos usuarios. Neste primeiro modelo ou tipo, a organización social era centralizada, algúns nodos eran emisores pero na súa maioría simples receptores. A súa evolución cara ao que se coñece como web 2.0 foi dando maior protagonismo aos usuarios como emisores de información, o que está a multiplicar exponencialmente o potencial comunicativo para os nosos alumnos, aumentando así o número de oportunidades para acadar boas aprendizaxes, ou non tan boas. Xa que ben puiden ser amigo dun que tiña un primo que presumía moito por ser o mellor escachando cristais a pedradas.

APRENDIZAXE UBÍCUA

As redes sociais no ensinoFalamos de redes distribuídas de aprendizaxe, existentes antes da chegada de internet e recomendadas polos diferentes movementos de renovación pedagóxica. A súa dixitalización fai que agora sexan máis numerosas e maiores xeográficamente. Hoxe é máis doado preguntar algo ao outro lado do mundo, que atravesar unha leira de millo. As redes sociais permiten que a cultura de fóra poida entrar directamente na escola, que os muros inicialmente creados para separar por sexos, e logo por idade, desaparezan nun plano virtual que nos impulse non só a aprender dos demais, senón tamén a que os demais aprendan de nós.

Tamén permiten que a aprendizaxe sexa ubicua: calquera cousa, en calquera momento e en calquera lugar. Isto é posible grazas ao aproveitamento da tecnoloxía móbil, recurso con grandes posibilida des no ensino. E aínda que hoxe supoñen o maior número de accesos a internet, non deben converterse nun uso carente de reflexión que poida estar excesivamente exposto ao voraz mundo do consumo e da publicidade.
Fóra da escola estas redes xa se están a utilizar de xeito habitual; que rapaz non ten Tuenti, Twitter, Facebook, Whatsapp ou Line? Xa comentan sobre as clases e resólvense dúbidas. Outras veces os seus usos representan graves riscos para a súa privacidade xa que en internet non temos “dereito ao esquecemento”, algo que até o de agora era incuestionable. Manuel Castells comenta que “pode que haxa manipulacións da identidade, pero en xeral estas non van a prosperar. O que si é que se te mostras como gato es un gato e non un can”. Pero seguen a ser grandes os seus beneficios, así que estas xeracións precisan coñecer que é “identidade dixital proxectada” como concepto, discutir e consensuar pequenas liñas para a toma de decisións conscientes, que os axudarán a viaxar cara aos seus propios soños coa seguridade de atravesar firmes pontes.

ONDE SITUAR AO DOCENTE?

Introducilas na aula require de reflexión, os usos das redes non están dados, dependen da concepción metodolóxica de cada un. Onde situar o docente é unha das preguntas chave. Vimos de perder de xeito manifesto a autoridade como responsables na transmisión do contido, polo que traballar coas redes sociais na educación implica abandonar ese papel central na experiencia da súa aprendizaxe, e pasar a ser un elemento máis na estrutura de rede distribuída. Esta adquire unha dinámica propia moito máis alá da pechada dirección que nos poden ofrecer os libros de texto, aínda que estes sexan dixitais. Pasamos de docentes que “controlan” a docentes que “inflúen”. Somos mestres facilitadores que axudan a identificar, seleccionar, eliminar, construír e reconstruír; en definitiva, trátase de permitir que os nosos alumnos decidan sobre o que eles queren aprender. Existen múltiples formas de concreción na práctica, a exposición ás mesmas implica que teñamos que aprender do diálogo na aula e da posta en común das experiencias que, sendo relevantes, constituirán a base das aprendizaxes. O desenvolvemento dun entorno persoal de aprendizaxe (PLE, nas súas siglas en inglés), ou a súa síntese nun cartafol dixital, son dúas prácticas dixitais xerais para acadar coñecemento sobre calquera disciplina. O movemento do software libre ten moito que ensinarnos sobre isto.

Son, en definitiva, un acelerante da comunicación.

O profesorado xa as está a utilizar para compartir e xerar coñecemento sobre a práctica educativa. O grupo “Mestres de Galicia en facebook” ou Redeiras, a rede social do profesorado galego, poden ser unha pequena mostra.

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 8.0/10 (1 vote cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)
As redes sociais no ensino, 8.0 out of 10 based on 1 rating

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*