A innovación educativa a debate. Individual ou grupal?

Comparte!

A escola está institucionalizada. Quere dicir isto que en pleno século XXI segue a manter aquela áurea de factoría que tiña cando comezou en plena revolución industrial. O poder que rexe a súa organización segue a ser o mesmo.

frato-eberes-maestros-e1260297404940Ao longo de todos estes anos xurdiron teorías máis humanistas que pretenderon, e pretenderán, centrar a idea na educación e non tanto na ensinanza. Pero ao igual que a metáfora da utopía, a educación é un obxectivo que rapidamente se pode ver corrompido polas estratexias obxectivas para a súa consecución: os procesos de ensinanza.

As discusións entre os profesionais máis innovadores xa non se centran na dicotomía ensinanza tradicional vs ensinanza renovadora. Senón que parece que os tiros se centran máis en torno ao bo facer dunha ensinanza baseada na aprendizaxe activa.

Ata aquí todo marabilloso.

Partindo desta boa base eu resaltaría dous puntos débiles principais, con algunha conclusión posterior:

  1. Existen perspectivas aparentemente baseadas na ensinanza activa que, quizais pola presión exercida polo sistema, acaban por ser metodoloxías tan encaixadas como a tradicional. É a obsesión pola eficiencia da pedagoxía por obxectivos da que fala Gimeno Sacristán [2]. Eu aquí, por exemplo, incluiría tanto a taxonomía de Bloom (de corte condutista), como o aliñamento construtivo que superpón a avaliación cuantitativa-final (exame) ao proceso de aprendizaxe.
  2. Pretendemos solicitarlle ao alumnado a participación en procesos de aprendizaxe activa, algo que nós como grupo non facemos cando nos xuntamos. A falta de mediadores pedagóxicos nos centros é preciso baixar o nivel de esixencia nos debates e atopar puntos de consenso que nos permitan iniciar experiencias colaborativas. A separación profesional pode dar lugar a:
    1. Docentes que, por moito que nos interese traballar de acordo a unha concepción activa da aprendizaxe, non chegamos a atopar o “como” en ningún momento, xa que careceriamos de referentes.
    2. Docentes innovadores que superan con creces esas zonas de desenvolvemento próximo dos seus compañeiros e rematan sendo seres solitarios nos seus centros.

A forma de expresarme ata aquí está intencionadamente radicalizada e esaxerada co obxectivo de facerme entender, xa que existen unha boa chea de profesionais e experiencias que amosan todo o contrario. Simplemente é o lugar onde eu sentía agora a necesidade de poñer o acento.

Así, e xa para rematar, estaría ben centrarse en aqueles elementos que afectan tamén ao profesorado xeral das aulas, xa que o docente innovador non vai obter resultados de xeito individual e precisa traballar en grupo para un mellor resultado. É necesario simplificar e identificar aqueles elementos máis complexos de romper, e levalos aos claustros para a súa discusión:

  • A rixidez dos tempos. Cando collemos dinámica no desenvolvemento das actividades temos que mudar o chip. Non hai lugar para a fluidez (flow) [2]. Un bo xeito de comezar a transformación é con unha profunda reflexión sobre os horarios.
  • O encasillamento dos espazos, similares as cadeas de produción. Un número de produtos son enchidos en aulas iguais que en moitos casos só se diferencia polo número que hai na porta. É un modelo de produción en cadea. Precisamos espazos multidisciplinares e moito máis humanizados.
  • A fragmentación dos contidos. Os tempos e os espazos non permiten o achegamento aos consensos sobre o contido, en definitiva sobre a cultura. Os nosos rapaces aprenden na escola a “asumir” sin actividade crítica, non hai tempo para relacionar, non hai tempo para significar. O currículo é reprodutivo, non é transformador.

Concluíndo. O cambio cara un modelo pedagóxico concreto debera partir dunha concepción de innovación pedagóxica dende o profesorado para o profesorado, dende unha perspectiva pedagóxica exactamente igual á que queremos utilizar cos nosos alumnos, a perspectiva baseada na aprendizaxe activa que é a única capaz de ter en conta as diferencias e compensar as desigualdades.

[1]
«LA PEDAGOGÍA POR OBJETIVOS: OBSESIÓN POR LA EFICIENCIA (EBOOK) – JOSE GIMENO SACRISTAN, Descargar eBooks en tu librería online Casa del Libro». [En líña]. Dispoñible en: http://www.casadellibro.com/ebook-la-pedagogia-por-objetivos-obsesion-por-la-eficiencia-ebook/9788471125637/2089149. [Accedido: 12-abr-2014].
[2]
«Fluir Creativo: El estado de flujo». [En línea]. Dispoñible en: http://www.fluircreativo.com.ar/2009/06/el-estado-de-flujo.html. [Accedido: 12-abr-2014].

 

Licencia Creative Commons Como sempre, vostede é libre de compartir, copiar, distribuír, comunicar a obra, facer obras derivadas e facer un uso comercial desta obra baixo as condicións de atribución (Licenza: CC-BY-SA)

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*