Turismo pedagóxico: CPI de Atios!!

Comparte!

Son cousas que pasan. Un día, á saída dos “II Encontros de educación infantil e educación primaria”, estás tomando unha cervexa na Praza de Cervantes con Estela, Patri, Susana, Yolanda, Vanesa… en Compostela, e un mes máis tarde atópaste con un grupo de 15 persoas visitando un dos centros participantes. Nunca se sabe moi ben que é o que ocorre previamente a algo grande, moitas veces parece simplemente froito da propia casualidade, da sorte… se algo terrenal tivera que resaltar como explicación diría que é moito mellor non “pensar”… senón “facer”, aínda que só sexa seguidos polo instinto.

Esta foi unha formación informal,  así se fraguou este grupo para a ocasión, que non tendo relación con AiovaiEducación, relatamos aquí.

Para esta visita contamos coa exclusiva colaboración en forma de anfitrións de Iago Cadarso (Infantil) e de Laura Adela Fernández (Primaria) que nos acolleron dun xeito absolutamente fabuloso, como nunca pensariamos que ía ocorrer. Agradecementos tamén pola recepción ao director do centro Antonio Cebreiro e aos asesores que nos acompañaron Delfina Bañobre Durán e Miguel de Castro.

IMG_0335_lenda_500

A visita profesional

Fixemos un percorrido polas aulas de infantil e primaria, e Iago e Laura foron explicándonos a súa metodoloxía de traballo. Si queredes, podedes consultar información máis estruturada na súa presentación no marco dos “II Encontros de educación infantil e educación primaria”. Nós recollemos os seguintes apuntamentos.

Infantil

Sobre o espazo e os materiais

  • Para favorecer a transición entre etapas, 1º de primaria está situado fisicamente no corredor de infantil.
    (Sabendo o tópico que representa Finlandia en termos de calidade educativa, só comentar que alí a primaria comeza aos 7 anos! os nosos 2ºs de primaria)
  • Organizan as diferentes aulas en infantil de xeito temático: Números, TIC (audiovisuais), Lingua, Experiencias e Arte.
  • Cada grupo de alumnos ten un aula de referencia.
  • Dentro de cada aula existe material escolar común entre aulas, e material específico por temáticas.
  • O presuposto para todo infantil é compartido; a dotación de material organízase de xeito conxunto contando coas familias.

Sobre os tempos

Xeneralizando, a organización dos tempos busca ter un único cambio de aula diario: asamblea – clase – recreo – Clase

IMG_0329_horario_500

Apuntamentos metodolóxicos

  • Tódolos días realizan a entrada con música que os propios alumnos poden propoñer e adicar a través dun micro
  • Non existen organizacións en filas nas entradas.
  • Existen espazos comúns para os casilleiros dos alumnos e para deixar os abrigos.
  • As programacións didácticas son similares a nivel xeral, o que permite que o deseño de actividades por parte do equipo docente poida ser compartido.

Aprendizaxe cooperativo

  • Imaxinemos unha “ficha” (nooon os meus ollos!) 😉 pero feita de xeito compartido! aaah! (tranquilidade). Precisa discusión, acordos e presentación de resultados.
  • O traballo realízase en grupo intercambiando os diferentes roles, o que favorece a empatía coas diferentes funcións.

Primaria

Sobre o espazo e os materiais

  • As aulas organízanse en recantos: TIC, plástica, puzzle, xogos de mesa, xogo simbólico… Como se organiza? Cada alumno ten o seu carné anotándose cando selecciona algún dos recantos para non repetirse. En cada un dos recantos hai un número máximo de alumnos que poden traballar simultaneamente.
  • Teñen un espazo con alfombra para a realización diferentes actividades.

Sobre os tempos

  • O horario tradicional existe, no papel, porque ten que existir (ata aquí podo ler) 😉

Apuntamentos metodolóxicos

  • A formación docente é importante, pero o único xeito de aprender é lanzarse a facer para trabucarse. A parte autoformativa pode radicar na discusión e en compartir cos compañeiros.
  • En primaria a organización cooperativa das actividades dos alumnos aforra traballo e tempo ao docente, porque favorece a regulación pedagóxica entre iguais. Ao mesmo tempo xérase autonomía de traballo, o que da certa liberdade ao persoal docente para a súa propia organización.
  • Traballan a “Filosofía para nenos” que inclúe actividades meditación
  • A atención á diversidade vese favorecida, xa que as moitas das necesidades son satisfeitas entre os propios alumnos.
  • Moodle: Ao longo destes últimos anos Laura logrou ter organizado na aula virtual os materiais de 1º, 2º e 3º de primaria.
  • No alumnado existen os “compromisos persoais”, que gardan relación con algunha debilidade propia de cada un. Son os propios compañeiros os encargados de supervisar que se cumpren.
  • As tarefas para a casa:  Neste caso Laura Adela nunca envía tarefas de xeito que superen os 30min de traballo. Os pais están informados de que é moi importante que, si en algún caso, un alumno precisa máis tempo débese poñer en coñecemento da titora. Tamén se informa ás familias de que non procede a axuda na realización de estas tarefas.”

Algunha reflexión

Unha vez máis estamos ante unha actividade de innovación educativa real, neste caso na parte de formación horizontal do profesorado. No CPI de Atios tivemos ocasión de comprobar insitu unha das máximas pedagóxicas do “centro como unidade mínima de cambio”. É algo que tanto Iago como Laura compartiron con nós no entreliñado das súas palabras… a tendencia é sumar, sumar e sumar cada vez máis compañeiros para a discusión das prácticas que eles mesmos están xa a aplicar nas súas aulas. Polo que nos contaron o CPI de Atios ten unha bagaxe colaborativa importante da que é responsable en gran parte Delfina, a antiga directora do cole.

Debemos interiorizar que a carreira é de fondo e que non podemos agardar resultados a curto prazo. É esta unha realidade que como profesionais da educación é imprescindible comprender, as liñas estratexias en educación valóranse tras longos períodos de tempo, moito máis que catro anos. Así, a validación das nosas prácticas só é posible dende a reflexión conxunta e o traballo docente en grupo dentro e entre centros, como imos senón verificar que as nosas prácticas son correctas? paréceme imposible facelo en solitario.

Para rematar, traemos a colación as palabras de Carmen Elboj en relación ás comunidades de aprendizaxe:

Na sociedade da información caracterizada pola importancia do traballo en rede, a aprendizaxe dialóxica amósase como a máis adecuada para respostar ás novas demandas e requirimentos formativos. As capacidades de selección e procesamento da información, necesarias na actual sociedade, desenvólvense mellor nun diálogo que xera reflexión. Cando mellor comprendemos e analizamos un texto é cando o comentamos con outro compañeiro ou compañeira. Todas as persoas ensinantes sabemos ben que a mellor forma de entender e aprender un concepto é ter que explicalo. A aprendizaxe dialóxica fomenta este diálogo reflexivo en todos os ambientes educativos, na aula pero tamén fóra. Unha das formas de desenvolvemento é a través dos grupos interactivos.

Elboj, C. e outros (2002): El aprendizaje dialógico. En C. Elboj e outros, Comunidades de aprendizaje. Transformar la educación. Barcelona: Graó.

E sen máis, vémonos na próxima viaxe 😉

Licencia Creative Commons Como sempre, vostede é libre de compartir, copiar, distribuír, comunicar a obra, facer obras derivadas e facer un uso comercial desta obra baixo as condicións de atribución (Licenza: CC-BY-SA)

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 7.8/10 (4 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: +1 (from 1 vote)
Turismo pedagóxico: CPI de Atios!!, 7.8 out of 10 based on 4 ratings

One thought on “Turismo pedagóxico: CPI de Atios!!

  1. Sò engadir o agradecemento pola absoluta dispoñibilidade dos nosos/as anfitrións, e apertura do centro q non só ensináronnos o seu traballo, …a maoires entregáronnos o material co q traballan e xestionan as aulas.
    Por outra, dicir q o artigo é fantástico Pablo!!!, recóllese dun xeito moi fresco as diferentes vivencias dese día. 😊

    VA:F [1.9.22_1171]
    Rating: 0.0/5 (0 votes cast)
    VA:F [1.9.22_1171]
    Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*