Seminario 2015/16 AíovaiEdu: Creativo, libre, aberto, colectivo.

Comparte!

Compartimos con todos vós o proxecto de seminario que, dende AíovaiEducación, prantexamos para o presente curso escolar 2015/16

1. Xustificación

Asistimos impasibles a unha revolución social e económica de carácter global que, por suposto, afecta de cheo á educación. A característica principal desta revolución é a velocidade coa que se están a producir os cambios polo que resulta fundamental, lonxe do que podería parecer, reflexionar con lentitude para consensuar uns determinados principios que nos permitan coller ritmo e avanzar con máis forza.

politica_educativa_1000

“Vinxenciña, virxenciña, déixame como estou” ou “A capacidade de empeorar é infinita” son elementos característicos da ideosincrasia do ser humano, construidos ao longo de milleiros de anos de lenta evolución. Esta tradición e os hábitos adquiridos a través de diferentes xeracións foron símbolos de estabilidade e benestar. A velocidade actual do cambio provoca un choque con esta idea de inmobilismo que da pé a moitos outros discursos, uns que compartimos e outros que sendo simples modas rexeitamos de cheo.

No ámbito educativo non universitario continúan a existir multiplicidade de interferencias que entorpecen o desenvolvemento de prácticas de innovación educativa. Esta resistencia ao cmabio mestúrase coa desprofesinalización docente que xera inevitablemente profesorado inseguro. Todas estas interferencias empapan todo tipo de discursos aos que estamos expostos e poden confundirnos á hora de tomar conscientemente as decisións que van a definir a nosa práctica educativa.

Son moitos os elementos que, pertencentes á micropolítica das comunidades, teñen relevancia nos procesos de implementación de novas metodoloxías en educación, xa sexa con políticas de promoción ou de limitación. Estas aparecen nas diferentes capas e teñen incidencia directa na vida das aulas: dende as propias familias, os compañeiros, os equipos directivos ou a propia inspección educativa.

Pretendemos consensuar principios que nos permitan apostar por prácticas discutidas e xustificadas legal e teóricamente, abandonando outras, aínda que moi extendidas, están excesivamente mitificadas.

2. Obxectivos

Os obxectivos do grupo son:

  1. Organizar un grupo de traballo permanente que favoreza a seguridade profesional, autoestima e garanta un nivel de innovación educativa continua para os membros.
  2. Definir as liñas metodolóxicas xerais que deberán estar presentes na selección e deseño dos contidos sobre os que traballará o grupo.
  3. Identificar elementos sistemáticos nas diferentes capas administrativas que estean a dificultar a implementación de novas metodoloxías en educación.
  4. Reflexionar e debater sobre as dificultades detectadas.
  5. Emitir valoración e documentar estratexias xustificadas legal e teóricamente sobre os aspectos detectados.

3.Contidos

  1. O cambio como elemento ao que resistir
  2. A atención á diversidade como unha estratexia de inclusión educativa
  3. As tarefas escolares como unha prolongación da xornada laboral dos nenos e das nenas
  4. As etapas de adquisición da lingua escrita e os mitos asociados
  5. A ortografía e o seu papel dentro das relacións familia-escola

4. Programa de actividades

  1. O traballo organizarase en torno á redacción de documentación apoiada en experiencias aportadas polos propios participantes e polos docentes externos colaboradores.
  2. Comezaremos por acordar a tipoloxía de documento para logo documentarnos e proceder á súa elaboración.
  3. Os documentos deberán ser de doada lectura para entregar aos diferentes membros da comunidade educativa nos momentos que sexa preciso.

5. Metodoloxía que se pretende seguir

O seminario, organizado para 30 horas de formación, contará tal e como indica a normativa, con un 80% de traballo en grupo que se levará a cabo en seis reunións de traballo de catro horas e cinco sesións de formación externa de tres horas.

Contamos con plataformas de traballo colaborativo e listas de correo para a comunicación.

A metodoloxía de traballo terá un inicio común na selección das especificacións xerais para a documentación. Logo, dependendo do número de documento a elaborar e o interese dos membros dos equipos, faranse pequenas comisións de traballo para analizar documentación e facer as primeiras propostas de documento que serán presentadas ao grupo. Finalmente os documentos serán revisados por todos e aprobados para a súa entrega e publicación

6. Organización de recursos humanos e materiais

A nivel organizativo o grupo caracterízase por ser multidisciplinar, dando cabida a compañeiros de especialidades diferentes. Dende a mestras de infantil, mestras de apoio, titores de primaria, orientadores, ou profesorado de secundaria.

Tódolos participantes do proxecto son activos no que a formación do profesorado se refire, tanto na asistencia continua a actividades de formación como na titorización de múltiples cursos, grupos de traballos ou conferencias.

O seminario nace con un número de membros específico para dar resposta ás necesidades pratexadas, pero caracterizase por ser aberto e colectivo. Poderá dar cabida á participación parcial de membros non inscritos, así como á incorporación extraoficial de outros participantes ao longo do curso, ou en diferentes edicións do seminario.

7. Temporalización

  • 6 horas de traballo individual
  • 6 horas de docencia externa
  • 18 horas repartidas en seis reunións de traballo

8.Proceso e criterios para a avaliación do proxecto

Cada un dos membros do grupo, pola súa diversidade en canto á orixe de especialidades, conta con unha experiencia moi diferente. Contamos con membros do grupo con experiencia no mundo da orientación que poderán aportar unha visión metodolóxica de centro, con profesorado en activo, que nos poderá guiar ao grupo sobre aqueles elementos concretos que mellor poden funcionar na aula, e persoal asesor que seguramente poidan aportar unha visión macro ao problema dos contidos educativos e a súa inclusión nas metodoloxías de aula.

Guiarémonos polos seguintes criterios de avaliación:

  1. Pertinencia dos temas elixidos e o seu interese para o conxunto do profesorado
  2. Accesibilidade da documentación en base á publicación en diferentes soportes e formatos
  3. Facilidade na lectura da documentación con acceso a profundación si fora requirida polo lector
  4. Análise da retroalimentación dos usuarios da rede trala súa difusión.
  5. Reflexión final e difusión dos elementos salientables no proceso en base aos resultados anteriores

9. Materiais que se van a elaborar e compromiso de entrega

Cinco documentos en diferentes formatos, existindo a posibilidade de que algún de eles leve parello algunha entrevista en vídeo ao persoal relator convidado. :

  1. O cambio como elemento ao que resistir
  2. A atención á diversidade como unha estratexia de inclusión educativa
  3. As tarefas escolares como unha prolongación da xornada laboral dos nenos e das nenas
  4. As etapas de adquisición da lingua escrita e os mitos asociados
  5. A ortografía e o seu papel dentro das relacións familia-escola. De como a falta de autoestima e desprofesionalización docente contribúen ao mantemento das prácticas pedagóxicas tradicionais.
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*