5 recursos educativos abertos sobre como ensinar a ler e escribir

Comparte!

biblioteca de proxecto

Presentámosvos unha serie de cinco Recursos Educativos Abertos que pretenden servir ao profesorado de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria como unha guía para implementar propostas de calidade na aula sobre tipoloxías textuais específicas:

  1. Somos escritores. Por primeira vez! (2º de Ed. Primaria)
  2. Fotografías e contos (Ed. Infantil)
  3. Proxecto lobos (Ed. Infantil)
  4. Proxecto tiburóns (Ed. Infantil)
  5. Correspondencia interescolar (2º de Ed. Primaria)

O material, deseñado no marco dunha licenza de formación para a Xunta de Galicia ao longo do curso 2016/17, non está pensado para ser consultado directamente polo alumnado xa que non é este o modelo de interacción tecnolóxica que defendemos nestas idades. Polo tanto o seu deseño estético non require do grado excesivamente icónico que estamos acostumados a ver nos recursos dixitais dirixidos alumnado de menos de 8 anos.

Pretendemos contribuír humildemente ao xerme do cambio, tendo en conta o contexto xeral social no que nos atopamos, xa que este representa unha oportunidade única para insistir unha vez máis na necesidade de cambio metodolóxico. Os recursos elaborados responden a un cambio metodolóxico que se ven dando dende hai moitos anos, no que se pode prescindir de manuais pechados recorrendo a textos de uso social. Acompañando a este cambio metodolóxico está a premisa de deseñar propostas adaptables a calquera nivel educativo.

na aula

Sendo o aspecto metodolóxico o fundamental, é preciso garantir a compatibilidade de tipo técnico para dotar a estes Recursos Educativos Abertos de durabilidade. Aquí debemos analizar dous tipos de compatibilidade: a práctica que depende da propia ferramenta que estamos a utilizar e a compatibilidade legal, que garda relación coa licenza pola que optemos (propiedade intelectual). Nos dous casos optamos por licenzas de cultura libre, Creative commons para o contido e a ferramenta de software libre eXeLearning como ferramenta de autor.

Os recursos elaborados son Recursos Educativos Abertos que posibilitan a capacidade práctica de transformación grazas ás súas fontes abertas. O concepto de “fonte aberta” (open source) é aquel que permite modificar un recurso educativo porque dispoñemos de tódolos elementos necesarios. Para isto utilizamos ferramentas de Software Libre e temos un especial coidado á hora de engadir as fontes a todo aquel traballo que queremos compartir con todas as garantías de que sirva como base, ou apoio, para outros profesionais.

Descrición dos recursos

Compartimos cinco Recursos Educativos Abertos. Dous sobre texto literario, dous sobre texto expositivo e un final sobre texto informativo.

os nenosEn “Somos escritores. Por primeira vez!” o traballo co texto literario céntrase na produción e mellora de borradores ata editar un conto individual co paso previo da edición dun texto colectivo.

O recurso “Fotografías e contos” é o uso dunha fotografía provocadora como elemento xerador do espazo, onde se vai a desenvolver a acción, para producir un texto literario incidindo na estrutura.

Proxecto lobos” e “Proxecto tiburóns”, son a exemplificación de dous proxectos buscando a información en textos expositivos de diversas fontes (Internet, bibliografía, persoas expertas,…). Parecendo tan similares na súa temática queremos redundar nas decisións e autonomía do alumnado, proxectando os seus intereses e modificando o seu deseño e desenvolvemento. Algunhas actividades serán similares por responder ao obxectivos xerais da metodoloxía de proxectos e outras non, por responder aos obxectivos de cada temática e á idade do alumnado co que se leven a cabo.

En “Correspondencia interescolar” queremos abordar este texto informativo tan relevante noutro tempo que foi pouco a pouco substituído por outras canles de comunicación. Manter correspondencia real co alumnado doutro contexto afastado, pero cos mesmos intereses, é o que lle da sentido a esta secuencia didáctica.

Agardamos vos sexan de utilidade.

Mª Teresa Neira e Pablo Nimo

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 9.0/10 (3 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)
5 recursos educativos abertos sobre como ensinar a ler e escribir, 9.0 out of 10 based on 3 ratings

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*