O Proxecto

Comparte!

Asistimos impasibles a unha revolución social e económica de carácter global que, por suposto, afecta de cheo á educación. A característica principal desta revolución é a velocidade coa que se están a producir os cambios polo que resulta fundamental, lonxe do que podería parecer, reflexionar con lentitude para consensuar uns determinados principios que nos permitan coller ritmo e avanzar con máis forza.

O obxectivo do grupo de traballo é consensuar unha liña metodolóxico-técnica común que sirva para orientar as metodoloxías que vaiamos seguir nas aulas, tanto a nivel pedagóxico como no referente á integración das tecnoloxías da información e da comunicación na metodoloxía didáctica.

Pretendemos consensuar principios que nos permitan apostar por prácticas discutidas abandonando outras que hoxe en día están excesivamente mitificadas.

Dente de león“De feito, moitas destas sementes caerán no duro pavimento, onde non poderán prosperar. Ao dente de león non lle importa o destino de cada un dos seus fillos. O que realmente pretende é que cada un dos seus espazos ao seu redor remate cheo das súas sementes, que estas aproveiten tódalas súas posibilidades á súa disposición.

Os dentes de león e os artistas teñen moito en común na era de internet, onde o custo de reprodución é practicamente cero. En cuestión de minutos, un traballo pode ser copiado e distribuído miles, ou centos de miles de veces, e con isto é quen de poboar o mundo enteiro, coma un virus que se reproduce a si mesmo, ou como unha semente de dente de león que vai alá a onde o leve a brisa.

Os ventos de internet poden levar o froito dos teus esforzos a tódolos destinos posibles.”

Pensa como un dente de león (Cory Doctorow)

Curso 2015/16
3º ano do grupo.

AíovaiEducación é un grupo de docentes da educación pública comprometido cun modelo específico de organización escolar e metodolóxica. Conscientes das dificultades que supón aventurarse no campo da innovación educativa en solitario, constituímonos como grupo para para dar forza colectiva ao proxecto.

Respectamos e admiramos os movementos de renovación pedagóxica existentes pero, dada a velocidade dos cambios sociais, cremos na rexeneración das organizacións e na modificación de elementos clave que afectan directamente ás bases dos grupos como elemento clave para a construción do noso proxecto.

AíovaiEducación é un grupo de docentes aberto, creativo, libre e colectivo.

Xustificación

Asistimos impasibles a unha revolución social e económica de carácter global que, por suposto, afecta de cheo á educación. A característica principal desta revolución é a velocidade coa que se están a producir os cambios polo que resulta fundamental, lonxe do que podería parecer, reflexionar con lentitude para consensuar uns determinados principios que nos permitan coller ritmo e avanzar con máis forza.

No ámbito educativo non universitario continúan a existir multiplicidade de interferencias que entorpecen o desenvolvemento de prácticas de innovación educativa. A resistencia ao cambio, presente nos diferentes ámbitos de actuación, xunto coa desprofesinalización docente que xera inevitablemente profesorado inseguro, fai que se faga imprescindible unha asociación entre docentes. A esta realidade, constante dende hai tempo, súmanselle agora elementos que agregan complexidade ao contexto, son aqueles asociados aos aspectos tecnolóxicos, e sobre os que prima un discurso comercial. Todas estas interferencias empapan todo tipo de discursos aos que estamos expostos e poden confundirnos á hora de tomar conscientemente as decisións que van a definir a nosa práctica educativa.

Existen moitos casos de éxito que nos fan crer que unha saída ordenada á crise é posible, pero polo camiño observamos docentes navegando en moi diversas direccións. Os núcleos tradicionais de dotación de contido (as editoriais, as bibliotecas escolares de tipo tradicional, etc) están inmersos na denominada “crise dos intermediarios”. É responsabilidade do profesorado organizar a nova estrutura que dea solución a estes problemas.

Pretendemos consensuar principios que nos permitan apostar por prácticas discutidas abandonando outras que hoxe en día están excesivamente mitificadas.

A progresiva perda de calidade dos libros de texto, así como a irrupción das tecnoloxías no mundo do ensino, fai que nos atopemos nunha situación propicia para insistir, unha vez máis, nun cambio de metodoloxía didáctica que favoreza a interacción entre iguais sobre a figura do docente como único depositario do coñecemento. Ademáis, precísase realizar unha reflexión profunda sobre os usos tecnolóxicos dende unha pedagoxía renovadora. Unha reflexión onde o valor engadido das TIC non se sitúe unicamente na capacitación técnica no que respecta ao uso das ferramentas, senón que inclúa elementos de debate no ámbito da pedagoxía, a alfabetización informacional, a privacidade ou a propiedade intelectual entre outros.

Principios

Recuperando o significado amplo do termo “política“, calquera actividade educativa é en si mesma unha “actividade destinada a resolver os problemas que plantexa a convivencia colectiva“. Interiorizar esta realidade obriga a definirse e a optar por diferentes opcións que, si ben é bo que sexan discutidas, representan o noso propio punto de partida.

Facemos nosas as palabras do profesor Juan Carlos Pardo Pérez na súa conferencia, á que podes ter acceso, impartida na “I Xornada de Debate AíovaiEducación“: “As aulas constitúen o dique contra o que rompe un gran número de problemas sociais que non se resolven con construtivismo. Os críticos entenden que estes problemas teñen unha dimensión política, e deben enfrontarse neste nivel político. Pode ser de aplicación aquí o que o gran médico hixienista alemán do século XIX, dicía a propósito da necesidade de encarar desde a acción política a prevención de enfermidades infecciosas: “A medicina é unha ciencia social, e a política non é outra cousa que medicina a gran escala” (citado en Ingleby, 2012, páx. 332). Substituamos “medicina” por “educación”, e estaremos dicindo o mesmo.”

En AíovaiEducación plantexamos os seguintes principios de acción:

  • O compromiso coa educación pública, universal e gratuíta.
  • O compromiso coa educación inclusiva.
  • O compromiso con unha educación laica.
  • O compromiso con unha educación humanista, en confrontación coa actual tendencia excesivamente tecnicista e na que se están a marxinar saberes tan importantes como a filosofía, a filoloxía, a historia, as artes plásticas, escénicas e musicais, etc).
  • A comprensión dunha perspectiva multidisciplinar e global da educación que, na súa máxima expresión veríase reflexada polo abandono do tradicional libre de texto en favor dunha metodoloxía baseada en proxectos.
  • A defensa dunha Internet libre e democrática, organizada entre pares.
  • Unha organización da protección intelectual baseada no coñecemento libre, denominada Copyleft, Optando polo Software Libre para as aplicacións a recomendar e o uso da licenza Creative Commons BY-SA para os contidos cos que traballemos..

Obxectivos

O obxectivo xeral do grupo de traballo é discutir unha liña metodolóxico-técnica común que sirva para orientar as metodoloxías que vaiamos seguir nas aulas, tanto a nivel pedagóxico como no referente á integración das tecnoloxías da información e da comunicación na metodoloxía didáctica.

AiovaiEdu pretende ser un proxecto de traballo:

  • Sobre educación en tempos de cambio
  • Colectivo
  • Creativo
  • Aberto e libre

Nos dous últimos anos, co fin de acceder a formación e espazos de reunión,  constituímonos como seminario de formación aprobado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Ao longo do primeiro tentamos dar forma aos procedementos de comunicación interna, plataformas a utilizar, coñecemento dos membros do grupo… Este primeiro ano definiuse polo tratamento de contidos máis de tipo técnico. No seguinte curso, o grupo continuou traballando nos aspectos técnicos e organizativos e comezou a súa andaina nunha vertente máis pedagóxica. Estas dúas serán liñas de traballo constantes, tendo claro sempre que a técnica debe estar ao servizo do obxectivo pedagóxico.

Ao comezo de cada curso escolar o grupo decide as liñas prioritarias sobre as que centrar a súa actividade. Dentro da liña común que servirá como base para a recopilación, reutilización e creación de recursos educativos abertos, queremos:

  • Organizar un grupo de traballo permanente que favoreza a seguridade profesional e autoestima, garantindo así un nivel de innovación educativa continua para os membros.
  • Definir as liñas metodolóxicas xerais que deberán estar presentes na selección e deseño dos contidos sobre os que traballará o grupo.
  • Traballar sobre propostas educativas de implementación na aula, así como contidos asociados ao deseño, desenvolvemento e implementación de proxectos educativos globais, ou de formación do profesorado.
  • Reflexionar e emitir valoración sobre a redefinición do papel docente no actual marco educativo-social.
  • Reflexionar e emitir valoración sobre a redefinición do papel da biblioteca escolar no contexto da aprendizaxe en rede.
  • Definir as aplicacións a utilizar nos procesos técnicos de recopilación / creación / implementación e difusión do contido, así como as súas configuracións concretas.
  • Desenvolver unha metodoloxía de traballo que teña en conta a propiedade intelectual como unha das bases da revolución en internet: a copia.
  • Analizar o uso das redes sociais en educación e a revolución que supón sobre o concepto de privacidade para unha mellor selección e deseño dos materiais a utilizar.

Metodoloxía

Servirá como referencia importante para nós o “Centro Nacional de Desarrollo Curricular en Sistemas no Propietarios” (http://cedec.ite.educacion.es) que ten como finalidade o deseño, promoción e desenvolvemento de materiais educativos dixitais a través do software libre, poñendo a disposición de toda a comunidade educativa materiais e recursos dixitais de libre acceso.

Dividimos a organización do traballo en dous aspectos técnicos diferenciados: metodoloxía didáctica e metodoloxía técnica.

a) Metodoloxía pedagóxica

Conscientes da necesidade de unirse ao cambio en favor de metodoloxías máis activas, e sobre as que existen un gran número de etiquetas e contradicións, en AíovaiEducación rexímonos polo principios metodolóxicos do construtivismo enumarados polo profesores Juan Carlos Pardo Pérez na súa conferencia, á que podes ter acceso, impartida na “I Xornada de Debate AíovaiEducación“, e que humildemente mencionamos aquí moi resumidos:

  1. Actividade: No só se “aprende facendo”, senón tamén manipulando obxectos sen necesidade de que estes estean presentes grazas á función simbólica da linguaxe. Dende a transmisión tamén é posible fomentar a actividade.
  2. Comunicación e diálogo: Ensinar e aprender é un proceso de intercambio cultural entre os membros da comunidade. Unha comprensión compartida do mundo na que é necesaria a negociación de significados. As aulas deberan ser espazos de diálogo.
  3. Significación: Calquera experiencia de aprendizaxe debera partir do que o alumno xa sabe.
  4. Contextualidade: O contexto é complexo por ser necesariamente real.
  5. Restructuración: No proceso de aprendizaxe modifícanse estruturas cognitivas dende o desafío e a dúbida. A toma de conciencia do erro estimula a reflexión.
  6. Autonomía: A finalidade é que os alumnos aprendan a aprender

Estes principios poderíanse concretar en determinadas accións metodolóxicas:

  • Unha orientación metodolóxica orientada a tarefas, integradas en proxectos e interdisciplinar. Pretende escapar dos contidos tipo “exercicio” e centrarse máis en propostas abertas e flexibles.
  • A necesidade de traballar dende unha perspectiva aberta e flexible, o que significa pensar en ámbitos (non en áreas) en ciclos (non en cursos), para:
    • dotar de maior autonomía ao docente na implementación das propostas educativas que permitan axustarse mellor ás necesidades concretas do propio alumnado do centro
    • favorecer a transferencia dos materiais entre profesionais
  • Analizar e resituar o papel da biblioteca como coordinadora didáctica do centro que, apoiada polo departamento de orientación, represente a ventá máis importante cara as diferentes redes de aprendizaxe que se poidan dar fóra do ámbito local da escola.
  • A elaboración e difusión de materiais con diferentes niveis de alcance pedagóxico co fin de fomentar os principios mencionados. Poderemos traballar con actividades deseñadas para unha única sesión, outras constitutivas de unha unidade didáctica; realizar propostas de proxecto de centro ou intercentros, ou propoñer redes coordinación de profesorado para a súa autoformación.

b) Metodoloxía técnica

Teremos a oportunidade de debater sobre diferentes aspectos de importancia como a dispoñibilidade de recursos na rede, a definición e implicación do concepto REA (Recursos Educativos Abertos), posturas sobre propiedade intelectual e analizar casos de éxito.

Reflexionaremos sobre como os novos modelos de utilización das TIC están vinculados ao cambio metodolóxico na aula co protagonismo nos procesos de ensino e aprendizaxe de metodoloxías activas coma a aprendizaxe baseada en proxectos.

Os novos modelos de recursos educativos (REA con metodoloxías innovadoras) implican cambios nos modelos de creación e utilización dos materiais e recursos educativos. Os docentes deixan de ser meros consumidores de recursos educativos para converterse en creadores e adaptadores de contidos educativos. Os alumnos tamén participan neste novo modelo pois as súas achegas, análise e tarefas incorpóranse como parte dos recursos educativos.

Dentro de esta metodoloxía de creación, transformación e difusión de recursos educativos dixitais contaremos con plataformas web de software especificamente configuradas para a tarefa a desenvolver. Tanto a nivel de contido como de software, moverémonos nunha concepción de propiedade intelectual copyleft, o que significa o uso de licenzas libres, reutilizables e que permitan o uso comercial. As aplicacións a utilizar son:

  • Ferramenta de autor (http://www.exelearning.net) que nos permite a creación e reutilización de contido, principalmente de obxectos de aprendizaxe (OA segundo LOM-ES) e secuencias didácticas (SD),
  • Creación e recopilación de documentación expositiva a través da aplicación MediaWiki. O implicará o futuro desenvolvemento da wiki propia (http://wiki.edu.aiovai.org) ou a colaboración con proxectos xa funcionadondo como Vikidia.org.
  • Almacén de recursos educativos dixitais (http://recursos.edu.aiovai.org) a través dun repositorio feito con Drupal, onde analizaremos a ferramenta para a almacenaxe de recursos educativos, independentemente da súa carga pedagóxica (niveles de agregación LOM-ES). Esta aplicación poñerá a disposición da comunidade educativa os recursos a difundir.
  • Integración pedagóxica dos contidos educativos (http://aulavirtual.edu.aiovai.org) a través dunha aula virtual feita con Moodle. Chega a hora de integrar os recursos nunha proposta curricular completa ou programa de formación (PF). Para esta tarefa utilizaremos a aplicación Moodle xa que satisface as nosas necesidades docentes para a necesaria planificación educativa.
  • Difusión do traballo realizado (http://www.edu.aiovai.org) a través dun blog feito con WordPress. Nesta aplicación iremos difundindo o traballo realizado, tanto acordos sobre a metodoloxía como os propios contidos, facendo referencia neste primeiro ano de proxecto, á metodoloxía utilizada.
  • Nun futuro, e por desenvolver, poderemos facer unha síntese audiovisual a través de YouTube, onde daremos conta tanto a través de pequenos vídeos da parte educativa das propostas, como da metodoloxía técnica utilizada a súa xustificación.

Ademais diso, consideramos de importancia específica o aspecto asociado á propiedade intelectual dos recursos cos que traballemos, estes enmárcase nunha modalidade de propiedade intelectual Copyleft, onde optamos especificamente por contidos con licenza Creative Commons BY-SA e aplicacións de software libre. Dende este punto de vista aceptamos a incompatibilidade que supón non aceptar contido con copyright ou incluso coa licenza CC máis utilizada no ámbito da educación, a Creative Commons BY-SA-NC. Esta suporá unha parte importante das dificultades á hora de localizar recursos reutilizables, pero xustificámolo do seguinte xeito:

  • A través do artigo “Los argumentos a favor del uso libre: Razones por las que no usar una licencia Creative Commons – NC” que podemos atopar en http://freedomdefined.org/Licenses/NC/Es
  • A compatibilidade cos recursos da WikiPedia, que utiliza a licenza Creative Commons BY-SA, e sobre a que houbo un gran debate na rede (http://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Texto_de_la_Licencia_Creative_Commons_Atribuci%C3%B3n-CompartirIgual_3.0_Unported)
  • A aposta por esta licenza por parte do CEDEC (Centro de Desenvolvemento Curricular en Fontes non Propietarias), dependente do INTEF e da Junta de Extremadura. Este centro representa unha referencia para este seminario, tanto a nivel pedagóxico como técnico.
  • As indicacións do propio Ministerio de Hacienda e Administracións Públicas na súa “Guía de Comunicación Digital para la Administración General del Estado” publicada no BOE onde indica: “La Administración General del estado opta en sus contenidos, por defecto, por las licencias Creative Commons y, entre éstas, por las que faciliten una apertura y una reutilización más amplias, como la BY Reconocimiento o la BY-SA Reconocimiento / Compartirigual. Estas dos modalidades son las que se ajustan más fielmente a la estrategia de la Administración General del Estado de poner a disposición de los ciudadanos y empresas tantas obras y datos como sea posible y con el máximo nivel de apertura, intentando favorecer la reutilización y los usos comerciales. (Ley 37/2007, de 16de noviembre, sobre reutilización de la información del sector público y Real Decreto1495/2011 de 24 de octubre, por el que se desarrolla la Ley 37/2007, para el ámbito del sector público estatal.) En todos los casos, es necesario dar a conocer los derechos de autoría o de gestión de la AGE, a través del departamento u organismo correspondiente.”
  • Para a realización das citas apoiarémonos no software Zotero (http://www.zotero.org), que é un administrador de referencias bibliográficas.

A organización do grupo

Esta sempre vai depender da dispoñibilidade dos seus membros e da existencia de usuarios que fagan labores necesarias de coordinación. O plan de traballo que a continuación se presenta é un plan ideal que a día de hoxe non está implementado, o que non quere dicir que o grupo non estea a funcionar. Atopámonos nunha fase de debate e reflexión onde permanentemente estamos achegando posturas que, de seguro, nos permitirán ir avanzando lentamente nun obxectivo común. Imos lentos porque imos lonxe.

De cara a dotar de escalabilidade ao proxecto, a organización do traballo poderíase realizar a través dunha aplicación web para a xestión de proxectos chamada Redmine que está aloxada en http://proxectos.edu.aiovai.org. Dende a mesma os pertencentes ao grupo poden rexistrar “tarefas” para seren realizadas por outros participantes, ou recoller tarefas creadas por outros para o seu desenvolvemento.

O grupo debera dividirse en diferentes áreas. En principio tiñamos pensadas estas cinco áreas principais coa finalidade de organizar os procesos comunicativos facilitando así a accesibilidade á información:

  • Area de propostas pedagóxicas: área nuclear do grupo. Arredor desta área decídense aqueles aspectos asociados ás metodoloxías didácticas polas que o grupo aposta, e os temas educativos a desenvolver.
  • Área de maquetado, integración e difusión: nesta área trátanse os aspectos técnicos dos Recursos Dixitais Abertos, como son as aplicacións a utilizar, as plantillas, as follas de estilo. Cabe resaltar a colaboración que o grupo acaba de iniciar con eXeLearning.net para a elaboración dunha plantilla adaptada a primaria.
  • Área de busca, recopilación de recursos e sensibilización copyleft: dende a cal se tentará facilitar aos membros do grupo a busca dos contidos necesarios para a elaboración dos materiais, así como a creación e difusión da documentación necesaria para a sensibilización dun coñecemento aberto e libre en Internet.
  • Área de tecnoloxías aplicadas: dende a cal se definirán aqueles aspectos informáticos asociados ás aplicacións web coas que conta o proxecto (configuración de usuarios, módulos a instalar, etc…)
  • Área de localización: dende cal se tentará axudar na transformación de contido de outras linguas á galega, tentando colaborar na creación de documentación técnica asociada aos proxectos de tradución de contido.

“Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden mudalo mundo” Eduardo Galeano

Non se trata de facer moito, senón de facer pouco pero facelo ben. O poder do traballo en rede radica na achega a proxectos comúns, polo que só si o traballo é de calidade este poderá ser reutilizado.

Licencia Creative Commons
Vostede é libre de compartir, copiar, distribuír, comunicar a obra, facer obras derivadas e facer un uso comercial desta obra baixo as condicións de atribución a “Aiovai Educacion”
(Licenza: CC-BY-SA)

 

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: +1 (from 1 vote)

6 thoughts on “O Proxecto

  1. Boas, paréceme un proxecto moi interesante, quisiera saber se é posible incorporarse ao mesmo. Un saúdo

    1. Ola Gabino! Moitas grazas! A incorporación de novos membros é algo que queremos sexa natural no grupo, é unha das propias finalidades. Pero neste primeiro arranque temos que consolidar determinados aspectos previos… entendo que para a próxima edición (curso 2014/15), e si todo sae ben, xa poderiamos abrilo… mil grazas polos ánimos!!!

  2. Paréceme un Macroproxectazo e moi interesante para o profesorado.Espero que cando o teñades aberto poda integrarme nel.Moito ánimo e adiante co proxecto.

    Saúdos

  3. Convídovos a que nesta aposta valente na que estades inmersos non vos esquezades dos máis esquecidos: a atención á diversidade…

    Hai moitas maneiras para que un alumnado con diversidade funcional (discapacidade), por exemplo, poda estar nunha aula ordinaria. É inaceptable que o xeito elixido sexa a do alumno floreiro: só está nun rincón perdido.

    A inclusión real e efectiva significa a mobilización de recursos e metodoloxías para que, en pé de igualdade, todos teñan acceso por igual aos recursos porque están deseñados dun xeito accesible.

    Dende a nosa asociación TADEGa ( http://www.tadega.net ) vos convidamos a sumar a inclusión á raíz do voso proxecto e teredes en nós: oubidos atentos e mans colaboradoras.

    1. Grazas Juan! Xa é raíz aínda que non apareza explícito. Moitos de nós procedemos do ámbito da atención á diversidade e cremos no modelo de integración que defendedes dende a vosa asociación. Propoñeremos en reunión a modificación da descrición do proxecto para facelo visible. Saúdos, Pablo. :)

  4. Me encanta vuestro proyecto. Si puedo ayudar en algo, contad conmigo. Los últimos años he trabajado bastante con eXeLearning y Moodle, así que creo que puedo ayudar en la temas técnicos.

    Por desgracia, en creatividad no ando tan rodado… :)

    ¡Saludos desde Euskadi!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*