O Proxecto (2013)

Comparte!

Xustificación

Asistimos impasibles a unha revolución social e económica de carácter global que, por suposto, afecta de cheo á educación. A característica principal desta revolución é a velocidade coa que se están a producir os cambios polo que resulta fundamental, lonxe do que podería parecer, reflexionar con lentitude para consensuar uns determinados principios que nos permitan coller ritmo e avanzar con máis forza.

No ámbito educativo formal e non universitario continúan a existir multiplicidade de interferencias (libros de texto) ás que se lle suman aquelas asociadas ao novedoso do aspecto tecnolóxico (intereses comerciais). Estas interferencias empapan todo tipo de discursos aos que estamos expostos e que poden confundirnos á hora de poder tomar conscientemente as decisións que van a definir a nosa práctica educativa.

Existen moitos casos de éxito que nos fan crer que unha saída ordenada á crise é posible, pero polo camiño observamos docentes navegando en moi diversas direccións. Os núcleos tradicionais de dotación de contido, como as editoriais ou as propias bibliotecas escolares, están inmersos na denominada “crise dos intermediarios”. É responsabilidade do profesorado organizar a nova estrutura que dea solución a estes problemas.

O obxectivo do grupo de traballo é consensuar unha liña metodolóxico-técnica común que sirva para orientar as metodoloxías que vaiamos seguir nas aulas, tanto a nivel pedagóxico como no referente á integración das tecnoloxías da información e da comunicación na metodoloxía didáctica.

Pretendemos consensuar principios que nos permitan apostar por prácticas discutidas abandonando outras que hoxe en día están excesivamente mitificadas.

A progresiva perda de calidade dos libros de texto, así como a irrupción das tecnoloxías no mundo do ensino, fai que nos atopemos nunha situación propicia para insistir, unha vez máis, nun cambio de metodoloxía didáctica que favoreza a interacción entre iguais sobre a figura do docente como único depositario do coñecemento.

Precísase realizar unha reflexión profunda sobre os usos tecnolóxicos dende a pedagoxía renovadora. Unha reflexión onde o valor engadido das TIC non se sitúe unicamente na capacitación técnica no que respecta ao uso das ferramentas, senón que inclúa elementos de debate no ámbito da pedagoxía e outros de gran interese como a privacidade ou a propiedade intelectual.

Principios

  • O compromiso coa educación pública, universal e gratuíta.
  • O compromiso coa educación inclusiva.
  • O compromiso con unha educación pública laica.
  • O compromiso pola volta ao sistema educativo formal das humanidades (filosofía, filoloxía, historia e artes plásticas, escénicas e musicais).
  • A comprensión dunha perspectiva multidisciplinar e global da educación (traballo por proxectos), pretende a eliminación dos libros de texto.
  • A defensa dunha Internet libre, organizada entre pares.
  • Unha organización da protección intelectual baseada no Copyleft:. Software Libre para as aplicacións e Creative Commons BY-SA para os contidos.

Obxectivos

AiovaiEdu pretende ser un proxecto de traballo:

  • Sobre educación en tempos de cambio
  • Colectivo
  • Creativo
  • Aberto e libre

Organizados en base a un proxecto de seminario de formación aprobado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) pretende neste primeiro ano a creación de contidos educativos dixitais que vaian dar resposta á necesidade común que prantexa o profesorado: o acceso a contidos educativos de calidade. A súa aspiración é máis ambiciosa no sentido de que pretende definir unha metodoloxía de traballo que sirva como base para a recopilación, reutilización e creación de contido educativo, onde a biblioteca escolar sirva como nexo de unión no desenvolvemento dos diferente proxectos que se implementan no centro educativo. Para iso é preciso a reflexión previa, a xeración de estrutura de traballo, a configuración das diferentes aplicacións a utilizar e a produción de pequenas unidades de contido que sirvan a modo de exemplo, e arranque para outras edicións do seminario.

  • Organizar un grupo de traballo permanente que favoreza a seguridade profesional, autoestima e garanta un nivel de innovación educativa continua para os membros.
  • Definir as liñas metodolóxicas xerais que deberán estar presentes na selección e deseño dos contidos sobre os que traballará o grupo.
  • Traballar sobre contidos de implementación na aula, así como contidos asociados ao deseño, desenvolvemento e implementación de proxectos educativos globais, ou de formación do profesorado.
  • Reflexionar e emitir valoración sobre a redifinición do papel da biblioteca escolar no contexto da aprendizaxe en rede.
  • Definir as aplicacións a utilizar nos procesos técnicos de recopilación / creación / implementación e difusión do contido, así como as súas configuracións concretas.
  • Desenvolver unha metodoloxía de traballo que teña en conta a propiedade intelectual como unha das bases da revolución en internet: a copia.
  • Analizar o uso das redes sociais en educación e a revolución que supón sobre o concepto de privacidade para unha mellor selección e deseño dos materiais a utilizar.

Metodoloxía

Servirá como referencia importante para nós o “Centro Nacional de Desarrollo Curricular en Sistemas no Propietarios” (http://cedec.ite.educacion.es) que ten como finalidade o deseño, promoción e desenvolvemento de materiais educativos dixitais a través do software libre, poñendo a disposición de toda a comunidade educativa materiais e recursos dixitais de libre acceso.

Dividimos a organización do traballo en dous aspectos diferenciados: metodoloxía didáctica, e metodoloxía técnica.

a) Metodoloxía pedagóxica

  • O grupo aposta por unha orientación metodolóxica orientada a tarefas, integradas en proxectos e interdisciplinar. Pretende escapar dos contidos tipo “exercicio” e centrarse máis en propostas abertas e flexibles.
  • Consideramos a necesidade de traballar pensando dende unha perspectiva aberta e flexible, o que significa pensar en ámbitos (non en áreas) e ciclos (non en cursos), para:
    • dotar de maior autonomía ao docente na implementación das propostas educativas que permitan axustarse mellor ás necesidades concretas do propio alumnado do centro
    • favorecer a transferencia dos materiais entre profesionais
  • Gustaríanos reflexionar sobre a necesidade de devolver á biblioteca o papel coordinador didáctico do centro que, apoiado polo departamento de orientación, represente a ventá máis importante cara as diferentes redes de aprendizaxe que se poidan dar fóra do ámbito local da escola.
  • Os materiais propostos terán diferentes niveis de alcance pedagóxico. Poderemos traballar con actividades deseñadas para unha única sesión, outras constitutivas de unha unidade didáctica; realizar propostas de proxecto de centro ou intercentros, ou propoñer redes coordinación de profesorado para a súa autoformación.

b) Metodoloxía técnica

Dentro de esta metodoloxía de creación, transformación e difusión de recursos educativos dixitais contaremos con plataformas web de software especificamente configuradas para a tarefa a desenvolver. Tanto a nivel de contido como de software, moverémonos nunha concepción de propiedade intelectual copyleft, o que significa o uso de licenzas libres, reutilizables e que permitan o uso comercial. As aplicacións a utilizar son:

  • Ferramenta de autor (http://www.exelearning.net) que nos permite a creación e reutilización de contido, principalmente de obxectos de aprendizaxe (OA segundo LOM-ES) e secuencias didácticas (SD),
  • Creación e recopilación de documentación expositiva a través da aplicación MediaWiki. Debido á diferencia no uso da linguaxe en relación aos seus destinatarios utilizaremos Galipedia (http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada) para os contidos elaborados para Secundaria e FP, e unha Wiki propia para os contidos elaborados para alumnado de infantil e primaria (http://www.aiovai.com/pequewiki), onde se adaptará a linguaxe para facela máis simple.
  • Almacén de recursos educativos dixitais (http://www.aiovai.com/recursos) a través dun repositorio feito con Drupal, onde analizaremos a ferramenta para a almacenaxe de recursos educativos, independentemente da súa carga pedagóxica (niveles de agregación LOM-ES). Esta aplicación poñerá a disposición da comunidade educativo os recursos a difundir, e nel poderemos atopar tanto unha imaxe (Obxecto Dixital) ou unha proposta didáctica completa para un curso escolar e formato Moodle (Programa de Formación). Esta aplicación debera ter en conta as novas formas de comunicación e colaboración que se están a impoñer en internet co uso das redes sociais, e deberá promover non só a recollida de recursos, senón a súa clasificación atendendo á calidade en base á interacción que se realice cos recursos por parte dos usuarios rexistrados.
  • Integración pedagóxica dos contidos educativos (http://www.aiovai.com/aulavirtual) a través dunha aula virtual feita con Moodle. Chega a hora de integrar os recursos nunha proposta curricular completa ou programa de formación (PF). Para esta tarefa utilizaremos a aplicación Moodle xa que satisface as nosas necesidades docentes para a necesaria planificación educativa.
  • Difusión do traballo realizado (http://www.edu.aiovai.org) a través dun blog feito con WordPress. Nesta aplicación iremos difundindo o traballo realizado, tanto acordos sobre a metodoloxía como os propios contidos, facendo referencia neste primeiro ano de proxecto, á metodoloxía utilizada.
  • Síntese audiovisual a través de YouTube, onde daremos conta tanto a través de pequenos vídeos da parte educativa das propostas, como da metodoloxía técnica utilizada a súa xustificación.

Ademais diso, consideramos de importancia os seguintes aspectos metodolóxicos no que se refire á construción técnica dos contidos:

  • O material co que traballaremos no grupo enmárcase nunha modalidade de propiedade intelectual Copyleft, onde optamos especificamente por contidos con licenza Creative Commons BY-SA e aplicacións de software libre. Dende este punto de vista aceptamos a incompatibilidade que supón non aceptar contido con copyright ou incluso coa licenza CC máis utilizada no ámbito da educación, a Creative Commons BY-SA-NC. Esta suporá unha parte importante das dificultades á hora de localizar recursos reutilizables, pero xustificámolo do seguinte xeito:
    • A través do artigo “Los argumentos a favor del uso libre: Razones por las que no usar una licencia Creative Commons – NC” que podemos atopar en http://freedomdefined.org/Licenses/NC/Es
    • A compatibilidade cos recursos da WikiPedia, que utiliza a licenza Creative Commons BY-SA, e sobre a que houbo un gran debate na rede (http://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Texto_de_la_Licencia_Creative_Commons_Atribuci%C3%B3n-CompartirIgual_3.0_Unported)
    • A aposta por esta licenza por parte do CEDEC (Centro de Desenvolvemento Curricular en Fontes non Propietarias), dependente do INTEF e da Junta de Extremadura. Este centro representa unha referencia para este seminario, tanto a nivel pedagóxico como técnico.
    • As indicacións do propio Ministerio de Hacienda e Administracións Públicas na súa “Guía de Comunicación Digital para la Administración General del Estado” publicada no BOE onde indica: “La Administración General del estado opta en sus contenidos, por defecto, por las licencias Creative Commons y, entre éstas, por las que faciliten una apertura y una reutilización más amplias, como la BY Reconocimiento o la BY-SA Reconocimiento / Compartirigual. Estas dos modalidades son las que se ajustan más fielmente a la estrategia de la Administración General del Estado de poner a disposición de los ciudadanos y empresas tantas obras y datos como sea posible y con el máximo nivel de apertura, intentando favorecer la reutilización y los usos comerciales. (Ley 37/2007, de 16de noviembre, sobre reutilización de la información del sector público y Real Decreto1495/2011 de 24 de octubre, por el que se desarrolla la Ley 37/2007, para el ámbito del sector público estatal.) En todos los casos, es necesario dar a conocer los derechos de autoría o de gestión de la AGE, a través del departamento u organismo correspondiente.”
  • Para a realización das citas apoiarémonos no software Zotero (http://www.zotero.org), que é un administrador de referencias bibliográficas.

A organización do grupo

A organización do traballo realízase a través dunha aplicación web para a xestión de proxectos chamada Redmine que está aloxada en www.aiovai.com/proxectos, dende a mesma os pertencentes ao grupo pode rexistrar “tarefas” para seren realizadas por outros participantes, ou recoller tarefas creadas por outros para o seu desenvolvemento.

O grupo divídese en cinco áreas principais coa finalidade de organizar os procesos comunicativos facilitando así a accesibilidade á información:

  • Area de propostas pedagóxicas: área nuclear do grupo. Arredor desta área decídense aqueles aspectos asociados ás metodoloxías didácticas polas que o grupo aposta, e os temas educativos a desenvolver.
  • Área de maquetado, integración e difusión: nesta área trátanse os aspectos técnicos dos Recursos Dixitais Abertos, como son as aplicacións a utilizar, as plantillas, as follas de estilo. Cabe resaltar a colaboración que o grupo acaba de iniciar con eXeLearning.net para a elaboración dunha plantilla adaptada a primaria.
  • Área de busca, recopilación de recursos e sensibilización copyleft: dende a cal se tentará facilitar aos membros do grupo a busca dos contidos necesarios para a elaboración dos materiais, así como a creación e difusión da documentación necesaria para a sensibilización dun coñecemento aberto e libre en Internet.
  • Área de tecnoloxías aplicadas: dende a cal se definirán aqueles aspectos informáticos asociados ás aplicacións web coas que conta o proxecto (configuración de usuarios, módulos a instalar, etc…)
  • Área de localización: dende  cal se tentará axudar na transformación de contido de outras linguas á galega, tentando colaborar na creación de documentación técnica asociada aos proxectos de tradución de contido.

Licencia Creative Commons
Vostede é libre de compartir, copiar, distribuír, comunicar a obra, facer obras derivadas e facer un uso comercial desta obra baixo as condicións de atribución a “Aiovai Educacion”
(Licenza: CC-BY-SA)

VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0.0/10 (0 votes cast)
VN:F [1.9.22_1171]
Rating: 0 (from 0 votes)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *



*